5 de abril de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide que a Xunta impulse e promova as permutas de especial interese agrario e que dende a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural se habiliten axudas destinadas a financiar os gastos de xestión, tanto notariais como de rexistro da propiedade, en beneficio dos propietarios implicados.
O deputado popular José Antonio Armada manifestou que “as permutas de especial interese agrario son unha ferramenta clave para a reestruturación da propiedade, baseadas sempre nun intercambio consensuado, bilateral e recíproco”. Esta figura agraria está regulada no capítulo VI da Lei de recuperación da terra agraria.
Armada salientou o éxito desta ferramenta en distintas actuacións levadas a cabo no concello lucense de Friol sobre 400 hectáreas de superficie, “polo que consideramos que se pode aplicar noutros concellos galegos co fin de incrementar a superficie dos predios mediante o agrupamento de parcelas que antes se atopaban en distintas localizacións”.
Deste xeito, a Consellería ten previsto desenvolver ao longo deste ano tres zonas piloto nas comarcas de Lugo, Ordes e Pontevedra-Norte, zonas de características diferentes nas que non existen problemas nin de identificación da titularidade do parcelario, nin necesidade de máis infraestruturas viarias.
José Antonio Armada apuntou, “ademais destes procesos de permitas que recolle a Lei de recuperación da terra agraria, a importancia das concentracións parcelarias, coas que se segue paliando o minifundismo presente en Galicia desde o punto de vista da estrutura da propiedade”. Así, o Goberno galego “traballa arreo na finalización das parcelarias que na actualidade están vivas e así poder seguir decretando novas zonas onde a prioridade sexa a ampliación de base territorial para as explotacións galegas”, indicou.