11 de abril de 2023. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, criticou no Pleno do Parlamento galego que o BNG “veña hoxe pedindo máis medios, mellor atención ou menos dilacións nos xulgados galegos cando permitiu, apoiando ao Goberno de Pedro Sánchez, que unha folga paralizase a xustiza en España e Galicia ou facilitaran que agresores sexuais saíran á rúa antes de tempo ou gocen dunha pena de cárcere inferior á imposta inicialmente”.
Ademais, Prado lembrou que a Comisión Mixta xa elaborou a proposta de novos xulgados e persoal para a Xustiza en Galicia, “polo que a iniciativa dos nacionalistas galegos é totalmente extemporánea”.
En concreto, Paula Prado lembrou que na proposta da Comisión Mixta remitida ao Goberno galego figura a creación dun xulgado de violencia de xénero sobre a muller de carácter comarcal en Santiago de Compostela, un maxistrado para a Audiencia Provincial de A Coruña, un maxistrado para a Audiencia Provincial de Pontevedra; un xulgado de primeira instancia en A Coruña; un xulgado de primeira instancia en Ourense; un xulgado contencioso-administrativo en Santiago de Compostela; un xulgado social en Ferrol; e xulgados mixtos nos partidos xudiciais de Vilagarcía, Viveiro, Ribeira e Carballo.
INFLUENCIA POSTA EN EVIDENCIA
“Esta iniciativa pon en evidencia que a influencia que o BNG ía ter en Madrid co seu apoio á investidura de Pedro Sánchez quedou en nada, porque ese pacto incluía a creación urxente de xulgados de violencia de xénero en Santiago, Lugo e Ourense, e pasaron xa máis de tres anos e nada se sabe deles”, indicou.
A viceportavoz popular afirmou que “eu non sería capaz de vir aquí a reclamar determinadas cuestións en materia de Xustiza como fai o BNG ao mesmo tempo que apoian ao Goberno de Pedro Sánchez, que permitiu que en España e en Galicia unha folga paralizase completamente a Xustiza, con 10.000 xuízos suspendidos só na Comunidade galega, miles de persoas afectadas e o presidente e a ministra de Xustiza cruzados de brazos”.
“Ademais, o BNG non está lexitimado para falar de xustiza cando lla retiraron a centos de vítimas de agresións sexuais, nenos e nenas vítimas de violacións que viron saír aos seus agresores á rúa antes de tempo, ou que agora contan cunha pena de cárcere inferior á imposta inicialmente”, manifestou Paula Prado, quen apuntou que “mentres aquí no Parlamento galego din que hai erros que deben arranxarse, no Congreso votan en contra da tramitación da modificación da Lei de ‘só si é si’”.