20 de abril de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide que a Xunta convoque o antes posible unha nova edición dos Bonos Activa Comercio para este ano 2023.
“Trátase dunha medida moi valorada polos consumidores que apostan polo comercio de proximidade e tamén polo sector, xa que permite estimular a demanda e fidelizar a compra nos establecementos físicos”, sinalou a deputada popular Cristina Sanz.
Na actualidade, Galicia conta con arredor de 33.000 establecementos dedicados ao comercio retallista, que ocupan a máis de 104.000 traballadores. Cristina Sanz manifestou que o comercio “é unha peza esencial desde o punto de vista social e da dinamización no eido local, polo que debe ser obxecto de apoio prioritario por parte das distintas administracións, máis se temos en conta as complexas situacións que foi padecendo nos últimos anos”.
EIXO PRIORITARIO DE ACTUACIÓN
A deputada popular salientou que o impulso ao sector comercial é un dos eixos de actuación prioritarios para a Xunta, que traballa concienciando á cidadanía sobre a importancia do comercio de proximidade e poñendo en valor o seu labor, cun servizo personalizado, especializado e, sobre todo, cunha oferta cada vez máis vinculada a produtos do noso territorio”. “E tamén traballa apoiándoos para que innoven e se modernicen, e para que xurdan novos proxectos de negocio”, apuntou.
Cristina Sanz lembrou que o Goberno galego puxo en marcha medidas para incentivar as vendas que beneficiaron a máis de 13.660 comercios, praceiros, artesáns, centros comerciais abertos e outras entidades representativas. “Estamos a falar dunha achega pública superior aos 30,3 millóns de euros para impulsar a dinamización e modernización do pequeno comercio galego, que ten posibilitado investimentos e vendas por case 70 millóns de euros”, dixo.
Este labor de acompañamento ao tecido comercial galego e aos consumidores galegos continuará ao longo de 2023 coa posta a disposición do comercio minorista de 24 millóns de euros, o que supón un incremento dun 5,20 por cento respecto ao pasado ano. “E o máis importante é que serán medidas consensuadas e posta en marcha da man do sector para axustarse mellor ás súas necesidades”, concluíu.