28 de abril de 2023. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reprochou hoxe a Pedro Sánchez que prefira “os votos antes que facer algo bo par os galegos e as galegas” e neste sentido asegurou que “votar ao PSOE é votar á falta de compromiso de Sánchez con Galicia”.
Amosouse convencida de que na visita prevista para hoxe do presidente do Goberno “virá cargado de propagada, de cifras, de fume e de críticas, pero de cero medidas reais” para Galicia. Un Pedro Sánchez que, na súa opinión, “estará detrás dos candidatos do PSOE galego porque é o principado interesado nos seus votos”.
A estes últimos, aos que se referiu como “soldados galegos do sanchismo”, afeoulles a súa incapacidade de “arrincarlle un compromiso” ao seu xefe de filas e que “sempre que teñen que elixir entre Galicia e Sánchez, elixen a Sánchez”, ao igual que os delegados, os alcaldes e os ministros.
Describindo os incumprimentos do Goberno central coa nosa Comunidade, a número dous dos populares galegos asegurou: “Sánchez prefire un voto antes que facer chegar os trens Avril e a Alta Velocidade a toda Galicia, antes que impulsar os proxectos estratéxicos dos fondos europeos, antes que paliar a falta de médicos, antes que a transferir a Galicia a AP-9 ou a xestión do noso litoral, e antes que impulsar o Corredor Atlántico”.
Fronte a todo isto e só a un mes das eleccións municipais, engadiu Prado, o Partido Popular “ofrece un proxecto nos 313 concellos” e afronta estes comicios con “313 candidatos e candidatas, 313 equipos de traballo e 313 formas de dicir si a unha xestión feita desde o rigor, a solvencia e o sentidiño”.
“DEFENDEMOS A GALICIA CON PROPOSTAS E CON PROXECTOS”
Sobre a reunión que mantivo hoxe cos 23 representantes do PPdeG nas Cortes Xerais do Estado, encabezada xunto co deputado autonómico Moisés Rodríguez —enlace entre cámaras—, Paula Prado puxo en valor que os 13 senadores e 10 deputados da formación “representan e defenden a Galicia e aos galegos por enriba de todo ante os ataques frontais do Goberno central”.
Uns ataques que a secretaria xeral do PPdeG se enmarcan nunha estratexia de “facer oposición a Feijóo a través de Galicia” e á que os populares, tal e como reivindicou, fan fronte en todas as institucións: “Non nos queda outra que defender a Galicia con propostas fronte ás críticas, con proxectos fronte a insultos”.