30 de abril de 2023. Onte, na clausura da tradicional Romaría Popular do Pino, o presidente do PPdeG fixo un chamamento aos seus para que sigan traballando “sen complexos pero escoitando, con humildade, sen sectarismos, con altura de miras e sendo conscientes de que non hai nada gañado” e que o fagan pensando nos 313 concellos, en Galicia e nunha España gobernada por Alberto Núñez Feijóo.
Citando nomeadamente a Miguel Lorenzo, Borja Verea e José Manuel Rey, o presidente afirmou ver neles a tres futuros alcaldes, e así ata chegar aos 93 que aspiran a selo ou a revalidar a súa confianza na provincia da Coruña.
Agradeceu a unidade demostrada polo partido durante o último uno e asegurou que nestes doce meses o PPdeG engrandeceuse aínda máis: “Somos un partido sen personalismos, un equipo de xente que quere a Galicia”.
Manifestando o apoio do PPdeG a Alberto Núñez Feijóo, Alfonso Rueda sacou peito de que “o partido que deixou aquí segue traballando” e afirmou que a día de hoxe o Partido Popular “é o mellor partido de España”.
Facendo referencia á visita de Pedro Sánchez onte á Coruña, Rueda afirmou que os galegos “merecen que cando alguén veña a Galicia, veña a falar en serio, con coherencia e non facendo o contrario do que presume”. E explicou: “Pedro Sánchez veu onte a Galicia, pero non a falar de cando imos ter os fondos Next Generation que tanto necesitamos, cando vai chegar o AVE a todas as cidades, nin cando aplicará as medidas sanitarias que reclamamos todas as Comunidades”.
Nesta mesma liña reprochou ao presidente do Goberno a cifra de delincuentes sexuais excarcerados pola Lei do ‘só si é si’ –que, como recordou, grazas ao PP puido pararse– e os “supostos pisos que están a disposición en Galicia e dos que só hai 43 que ademais son esqueletos urbanísticos”.
Alfonso Rueda remarcou que “non hai un só candidato socialista que o 28 de maio necesite os votos máis que Pedro Sánchez” e insistiu en que o PSdeG só aspira a ter un bo resultado “para darlle osíxeno a Pedro Sánchez”.
Do mesmo xeito, o líder do PPdeG asegurou que o BNG “só quere os votos dos galegos para avanzar no seu obxectivo de declarar a independencia de Galicia e facer alianzas con partidos como Bildu ou Esquerra Republicana”, que “avergoñan e non representan a Galicia nin aos galegos”.
“As eleccións non van de ningunha destas cousas, senón de gañar e de facelo convencendo”, concluíu animando aos candidatos populares a acadar as maiorías necesarias para poder gobernar.