4 de maio de 2023. A deputada do Grupo Popular Marisol Díaz Mouteira demandou hoxe no Parlamento de Galicia que o Goberno central financie o plan de recuperación para axilizar a tramitación e resolución dos procedementos xudiciais.
“Non cabe ningún plan de actuación unilateral por parte da Xunta que non pase previamente por un acordo co Consello Xeral do Poder Xudicial, do que dependen os xuíces e maxistrados; o Ministerio de Xustiza, do que dependen letrados da Administración de Xustiza, xuíces e Ministerio Fiscal; avogados e procuradores”, concretou.
En resposta a unha proposta formulada polo BNG, Díaz Mouteira explicou que “non procede o nomeamento de reforzos para liquidar os efectos da folga dos letrados da Administración de Xustiza, cando as consecuencias son as suspensións de xuízos e de nada serve colocar máis funcionarios se non se celebran sesións xudiciais”.
O MINISTERIO DEBE TOMAR MEDIDAS
Neste sentido, lembrou que “coa folga de letrados da Administración de Xustiza o máis afectado foron os xuízos, e non serve de nada facer un plan exclusivamente para funcionarios, os únicos que dependen da Xunta, cando estes non son os que celebran os xuízos”.
“É o Ministerio de Xustiza quen ten que tomar medidas, xunto co Consello Xeral do Poder Xudicial, e valorar se nomea máis xuíces ou establece un plan de recuperación para a celebración dos xuízos suspendidos”, manifestou a deputada popular, que indicou que “soamente cando estas dúas institucións propoñan o plan será o momento no que a Xunta deberá intervir”.