5 de maio de 2023. A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, afirmou hoxe no Parlamento galego que “o Goberno central adebeda a Galicia máis de 2.500 millóns de euros desde a aprobación da Lei de dependencia”, xa que Galicia está a asumir o 70 por cento dos servizos aos dependentes cando lle correspondería o 50 por cento.
Raquel Arias salientou que o número de dependentes atendidos en Galicia multiplicouse por cinco desde 2009, ao pasar de 15.000 a máis de 70.000. “Acadamos o 97 por cento de galegos con dereito á prestación atendidos, uns datos moi positivos que Galicia conseguiu a pesar dos incumprimentos continuados do Goberno central en materia de dependencia”, indicou.
Na súa intervención, a portavoz popular referiuse ao Observatorio Estatal da Dependencia, no que se pon de manifesto que a lista de agarda para recibir a prestación por dependencia reduciuse en Galicia un 18,59 por cento en 2022, ao tempo que a Comunidade galega sitúase no oitavo lugar en canto a valoración do servizo.
NOVO MODELO
Ademais de triplicar o número de prazas sostidas con fondos públicos en residencias e de liderar o servizo de axuda no fogar ao multiplicar por máis de sete o numero de beneficiarios respecto a 2009, a Xunta elaborou un novo modelo de coidados baseado na humanización das residencias, a aposta pola tecnoloxía ao servizo dos maiores e a coordinación sanitaria.
Este novo modelo, que situará a Galicia como líder na reforma da atención residencial, inclúe actuacións novidosas como o programa piloto de residencias dixitais; o programa Sios Life, con actividades de estimulación física e cognitiva das persoas maiores co uso da realidade virtual; a implantación dun sistema de rehabilitación e fisioterapia a través da realidade virtual; a extensión do Cenres, un sistema que permite axuntar os datos sanitarios e sociais dos usuarios das residencias para optimizar os fluxos de información; o plan galego de residencias libres de suxeicións; ou o plan de calidade de residencias.