8 de maio de 2023. O Grupo Popular demandará no Pleno do Parlamento galego desta semana que o Goberno central proceda con celeridade a arranxar o firme deteriorado das autoestradas A-6 e A-52, ao tempo que estableza un plan de conservación anual de todas as estradas de competencia estatal en Galicia.
O portavoz popular, Pedro Puy, manifestou que á pésima situación de mantemento destas autovías de conexión de Galicia coa Meseta súmase “o ritmo de reposición do viaduto do Castro na A-6, que, once meses despois do seu colapso, aínda se atopa en fase de demolición”.
Pedro Puy comezou a súa comparecencia ante os medios de comunicación amosando a solidariedade coas cinco persoas que permanecen ingresadas polo atropelo múltiple ocorrido esta noite nas festas de San Miguel de Deiro. “Lamentamos este accidente e o infortunio da cadea de acontecementos que provocou que un día de festa se convertera nunha desgraza”, indicou.
PONENCIA NO CONGRESO SOBRE A AP-9
Centrándose na sesión plenaria que se celebrará esta semana, o portavoz popular referiuse “ás moitas queixas que estamos a recibir por parte dos usuarios da A-6 e A-52 polo falta de mantemento, o que motiva que o Grupo Popular defenda unha proposición non de lei pedindo ao Goberno central o arranxo urxente do firme.
A este deterioro do firme sumouse o colapso sufrido polo viaduto do Castro da A-6 hai once meses e que aínda se atopa en fase de demolición total. “Preocúpanos o ritmo de execución desta obra, xa que seguiremos insistindo na conveniencia de que se faga polo trámite de urxencia e de xeito simultáneo nos viadutos en ambas direccións”, apuntou.
Puy lembrou, ademais, que o vindeiro mércores reunirase no Congreso a ponencia para a transferencia da AP-9 a Galicia, “un traspaso que o Parlamento galego ten solicitado por unanimidade en varias ocasións”. Neste sentido, lamentou que o PSOE adiara a tramitación deste traspaso amparándose no mecanismo de abrir en reiteradas ocasións prazos de emendas á proposición de lei remitida polo Parlamento galego.
Así mesmo, recordou que, ao fío dunha petición realizada hai un mes pola voceira do BNG ao Presidente da Xunta, “amosamos a nosa predisposición para falar do tema da transferencia da AP-9 entre os grupos do Parlamento galego”. “Naquel momento dixeron que ían analizar a nosa proposta pero, a día de hoxe, aínda estamos pendentes da resposta por parte da oposición”, dixo.
DEFENSA DO MARCO LINGÜÍSTICO
Pedro Puy tamén se referiu á segunda proposición non de lei que defenderá o Grupo Popular no Pleno desta semana. Coincidindo coa proximidade da celebración do Día das Letras Galegas, búscase reafirmar o compromiso do Parlamento galego co marco lingüístico recollido na Constitución, no Estatuto da Autonomía e na Lei de normalización lingüística.
“Estamos a falar dun modelo que se basea na convivencia entre os dous idiomas e na introdución dunha lingua estranxeira, un modelo de éxito que ven reforzado pola proximidade lingüística que nos abre o mundo lusófono”, afirmou.