9 de maio de 2023. O Grupo Popular rexeitou esta mañá no Pleno do Parlamento de Galicia a iniciativa lexislativa popular sobre medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria porque “o único que pretende salvar é o falso relato da esquerda galega sobre a nosa sanidade, obviando calquera mención ao problema fundamental da atención primaria: a falta de profesionais”, sinalou o viceportavoz popular, Alberto Pazos.
“Pintan un retrato da sanidade pública galega que non se corresponde coa realidade e que nin sequera se corresponde cos seus propios datos: non é razoable a súa defensa incondicional dos partidos que deixaron a sanidade galega no décimo quinto posto do ránking de calidade sanitaria da Federación de Asociacións en Defensa Sanidade Pública, e ataquen a quen a situou como a sexta mellor sanidade de España”, manifestou.
TRUFADA DE PARTIDISMO
O viceportapoz popular amosou “o noso máximo respecto por todos os galegos que se tomaron a molestia de asinar esta iniciativa lexislativa popular, no convencemento de que tal vez podería axudar a mellorar a sanidade pública”. Porén, incidiu que “non podemos aceptar que se disfrace de movemento cidadá o que non é máis que unha sucursal política do bipartido de BNG e PSdeG”, porque dixo que “SOS Sanidade Pública é unha plataforma que non pretende alcanzar ningún acordo con este Goberno galego, porque simplemente buscan substituílo por un goberno afín”.
Pazos explicou que esta iniciativa lexislativa “está trufada de partidismo e por iso ignora intencionadamente o principal problema da sanidade española: a falta de profesionais de atención primaria e pediatría”. “Precisamente polo respecto que temos aos galegos, non podemos apoiar un texto lexislativo que, en contra do que asegura pretender, non contén nin unha soa solución aos problemas que sofren todos os servizos de atención primaria de España”, apuntou.
Ademais, criticou que na iniciativa lexislativa “se ignoran todas as medidas tomadas polo Goberno galego, negociadas cos responsables dos traballadores sanitarios, para mellorar a atención primaria, como a limitación de axendas, a prolongación voluntaria da actividade, a oferta de contratos de tres anos ou as prazas en propiedade a través de concurso”.
“Pola contra, prantexan que as plantillas dos centros de saúde as decida unha comisión integrada por sindicatos, organizacións médicas, traballadores de todas as categorías e organizacións veciñais, sen representante algún do Sergas”, concretou. Deste xeito, dixo que “dan máis importancia ás eleccións sindicais ou de asociacións de veciños, que ás propias eleccións galegas, porque a esquerda pensa que a sanidade pública é súa e que só eles poden xestionala”.