9 de maio de 2023. A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Nóvoa, incidiu hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta “traballa para revitalizar a industria galega da man dun uso racional, compatible e sostible dos nosos recursos, xerando máis riqueza, máis emprego e máis benestar para a sociedade galega de hoxe e, sobre todo, para a sociedade galega do mañá”.
“Se deixamos este proceso nas mans do BNG e do PSdeG, Galicia sería a última en revitalizar a súa industria e en xerar novos empregos”, apuntou.
Marta Nóvoa manifestou que “as administracións teñen que establecer condicións propicias para a competitividade das empresas, para proporcionar emprego de calidade á mocidade e para dotar dun alto nivel de protección ao medio ambiente”.
Neste sentido, sinalou que a prioridade do Goberno galego “é garantir unha planificación ordenada do desenvolvemento eólico, achegando seguridade xurídica e transparencia, ao tempo que unha compatibilidade co medio natural, coa protección do patrimonio cultural e coa actividade do sector primario”. Así, Marta Nóvoa apuntou que “en Galicia esíxese unha avaliación ambiental ordinaria para os proxectos eólicos que se tramitan, a máis rigorosa, sempre con participación pública e que ten en conta o estudo de sinerxias no que se avalían os parques máis próximos e as infraestruturas de evacuación”.
MODELOS CONTRAPOSTOS
Fronte a este modelo, a viceportavoz popular contrapuxo o modelo do bipartito de BNG e PSdeG, que “non derrogou nin modificou o Plan sectorial eólico, avaliado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; non paralizaron os parques eólicos que estaban en tramitación e puxeron en funcionamento 36 parques eólicos con máis de 870 MW, a cuarta parte da potencia instalada hoxe en Galicia; non sacaron un concurso eólico con todas as garantías; e non tiñan intención de paralizar o desenvolvemento eólico, como piden agora”.
Marta Nóvoa salientou “os pasos que demos, a pesar do voto en contra do BNG, para permitir que queden para os galegos unha parte relevante dos beneficios das instalacións eléctricas en Galicia, como o canon eólico, que permitiu recadar case 300 millóns de euros desde 2010 e a realización de máis de 2.500 proxectos polos concellos galegos; a sinatura de contratos de compravenda de enerxía a longo prazo dedicados a cubrir as necesidades enerxéticas do tecido empresarial; ou dando prioridade aos parques eólicos que repercutan un 2,5 por cento dos beneficios nas localidades nas que se asentan”.
De cara ao futuro, avanzou que a Xunta xa traballa nunha Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia e tamén está a estudar a fórmula para crear un canon que grave as liñas de evacuación da eólica mariña, cuxa recadación está previsto que se dedique ás mesmas finalidades medioambientais que existen agora para o gravame da eólica terrestre.