14 de xuño de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que solicita ao Goberno de España que desenvolva as negociacións oportunas dirixidas a acadar un Pacto Nacional pola Vivenda.
A deputada popular Begoña Freire manifestou que “o camiño é traballar en coordinación e colaboración con todos os poderes públicos, incluíndo o Estado, respectando o marco competencial que lles corresponde ás comunidades autónomas e tamén aos concellos, que teñen competencias que lles outorga a Lei de bases de réxime local”.
Deste xeito, Begoña Freire considerou “necesario involucrar a todos os axentes do sector nun amplo consenso, con medidas útiles e eficaces alonxadas do populismo e o intervencionismo que hai que poñer en marcha coordinadamente a nivel estatal, autonómico e local”.
En concreto, a deputada popular avogou por medidas como simplificar a normativa e reducir a burocracia; facilitar o acceso dos mozos á vivenda a través de avais para completar o financiamento da hipoteca ou para a fianza do alugueiro, axudas para a súa emancipación ou a ampliación do orzamento do bono mozo alugueiro; reforzar a vivenda social e a de protección pública; apostar por un modelo de colaboración público-privada, para a promoción de vivendas en alugueiro accesible; e reforzar a seguridade xurídica no mercado da vivenda, “xa que España é o único país que fronte á okupación defendemos ao okupa e non ao propietario”.
POLÍTICA EFICAZ
“Medidas de alcance que debería regular unha normativa estatal en materia de vivenda, porque estamos convencidos que é posible deseñar unha política de vivenda eficaz que responda ás necesidades actuais dos cidadáns e que favoreza a recuperación co maior consenso posible”, apuntou.
Begoña Freire criticou a recentemente aprobada nova Lei estatal de Vivenda, “a pesar de que contaba co rexeitamento unánime de todos os axentes implicados no sector, expertos, organismos de referencia e comunidades autónomas”. Neste sentido, dixo que esta nova norma “supón un ataque frontal ás competencias autonómicas e municipais; prevé medidas punitivas e a intervención do mercado de alugueiro, cando as experiencias que se puxeron en marcha noutros países e comunidades autónomas demostran que o modelo non funciona; e xera inseguridade xurídica e ataca o dereito á propiedade”.