19 de xuño de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou hoxe que o Pleno da vindeira semana incluirá o debate de aprobación da Lei reguladora dos xogos de Galicia, unha norma que incorporou “modificacións na súa tramitación parlamentaria que axudaron a mellorala, sumando novas medidas de prevención e cambiando determinados aspectos na redacción que contribúen a facelo máis sinxelo e comprensible”.
Pedro Puy lembrou que esta nova Lei adapta a lexislación existente do ano 1985 á realidade actual para protexer ás persoas máis vulnerables fronte a unha posible adición. Neste sentido, engadiu que “chega ao seu debate definitivo en sesión plenaria “logo dunha negociación en ponencia na que o Grupo Popular aceptou incorporar ao texto final a metade das emendas presentadas polo BNG e o 52 por cento das realizadas polo Grupo Socialista”.
Entre os cambios introducidos a través das emendas dos grupos da oposición figuran a prohibición de instalar máquinas de apostas en recintos deportivos e feiras, como un aspecto máis do obxectivo da norma que é a regulación do mercado do xogo cunha especial atención á protección dos colectivos máis vulnerables.
MEDITADA E FALADA CON EXPERTOS E UNIVERSIDADES
Ademais da incorporación destas emendas de BNG e PSdeG na tramitación parlamentaria, Puy salientou que o texto lexislativo xa chegou ao Parlamento galego “moi meditada e falada con expertos na materia, da universidade e as asociacións de loita contra a ludopatía, ademais de atender as recomendacións de profesionais coñecedores da problemática das adicións”.
O portavoz popular tamén se referiu a distintas cuestións que aparecen recollidas na nova Lei, como a limitación do número de establecementos de xogos, cun máximo de 4 casinos e 4 salas adicionais, 12 bingos, 118 salóns de xogo e 41 tendas de apostas, fixando unha duración de 15 anos para todas as autorizacións; a prohibición de conceder préstamos, nin calquera outra modalidade de crédito, ás persoas usuarias dos xogos, nin conceder bonificacións, partidas gratuítas ou elementos que poidan cambiar por diñeiro ás persoas usuarias dos xogos.
Así mesmo, Puy explicou que os concellos poderán establecer, de forma proporcionada e xustificada, outros límites, requisitos ou características adicionais, para a apertura de establecementos, baseándose nas súas competencias de organización, dirección e control da ocupación e a utilización do chan.
Tamén se fixa un número máximo de 2 máquinas de xogo de calquera dos tipos permitidos, nos establecementos de restauración e de lecer e entretemento; establécese na lei a prohibición de todo tipo de publicidade dos xogos de competencia autonómica na radio e na televisión de Galicia; e obrígase a todos os establecementos de xogo ter control de acceso que prohiba a entrada de menores e de persoas inscritas no Rexistro de Prohibidos.
O novo texto lexislativo tamén fixa novas distancias que deberán cumprir os establecementos de xogo e establece a obriga de que todas as máquinas auxiliares de apostas instaladas en establecementos de hostalaría conten cun dispositivo que impida o xogo de menores. A norma tamén prevé que as distintas consellerías colaborarán e promoverán políticas de prevención desenvolvendo actividades de prevención da ludopatía dirixidas á poboación en xeral e adoptando medidas tendentes a desincentivar os hábitos e condutas patolóxicas relacionadas co xogo.