20 de xuño de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio nin de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que recupere o potencial do Instituto Español de Oceanografía (IEO) de Vigo e o sanee, para sacalo da dramática situación económica na que se atopa.
“No caso de que non se sinta capacitado para manter e xestionar adecuadamente o IEO, solicitamos que o ceda a Galicia, previo saneamento, para potencialo”, manifestou a deputada popular Teresa Egerique.
Na súa intervención, Egerique lembrou que a Xunta leva catro anos advertindo ao Goberno central da necesidade de recuperar o potencial do IEO e de sanear as súas contas para facilitar o traballo dos seus profesionais e que poida prestar un axeitado servizo no estudo do medio mariño. “Lamentablemente, a este centro de Vigo non lle foi asignada partida algunha específica nos orzamentos xerais do Estado, a pesar da decadente situación do centro e do seu persoal”, apuntou.
Á ESPERA DAS MELLORAS
“Non sucede o mesmo con outros institutos adscritos ao IEO en toda España: o Goberno de Pedro Sánchez comprometeu 10.5 millóns de euros para a nova sede desta institución en Palma de Maiorca e garantiu tamén outros 600.000 euros para o centro de Xixón”, sinalou
Teresa Egerique lamentou que “o centro vigués, o de maior envergadura do Estado e pioneiro en múltiples investigacións, continúa á espera dun plan de mellora de infraestruturas, do que o Goberno de Pedro Sánchez negouse a ofrecer avances ao cadro de persoal, ao que se lle trasladou que se ía poñer remedo a esta situación de forma urxente e a curto prazo”.
Deste xeito, manifestou que “o feito de que o Goberno central descarte unha reforma integral do Instituto Español de Oceanografía de Vigo é unha evidencia máis do seu inmobilismo e supón un agravio comparativo en relación con outros centros, como os de Málaga ou Xixón onde si realizou e comprometeu orzamentos”.
“Estamos cansos dos bandazos do Goberno de Pedro Sánchez co IEO de Vigo, polo que lle pedimos que, se non se sente capacitado para mantelo e xestionalo ben, o ceda a Galicia, previo saneamento económico, para poder potencialo”, rematou.