5 de xullo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se pide ao Goberno central a reforma do sistema de elección de prazas de formación sanitaria especializada; acelerar a creación do título de especialista en urxencias e emerxencias; flexibilizar os requisitos de acreditación de unidades docentes na especialidade de medicina de familia; ofertar 1.000 prazas formativas de medicina de familia máis en toda España; e manter completo e actualizado o Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios.
O viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou que “o conxunto da sanidade española segue a gozar de excelente saúde”, como o puxeron de manifesto distintos informes elaborados pola Organización Mundial da Saúde, Bloomberg ou HealtCare.
MESMAS DIFICULTADES EN TODA ESPAÑA
Porén, recoñeceu que “defender a calidade do sistema galego de saúde non implica pechar os ollos ás dificultades que estamos sufrindo”, porque asegurou que “son as mesmas dificultades que padecen o conxunto das comunidades autónomas españolas: o déficit de especialistas en atención primaria e pediatría”.
Diante desta situación, Alberto Pazos lembrou que o Goberno galego “leva anos tomando medidas para paliar este déficit de profesionais, medidas que tivo que tomar en solitario ante a total ausencia de compromiso dunha oposición máis preocupada polos seus intereses electorais que polas necesidades da sanidade pública”. Entre as medidas adoptadas, referiuse á incorporación de novos profesionais en distintas categorías, dotar de maior estabilidade aos traballadores, duplicar o número de prazas formativas, mellorar as condicións salariais dos sanitarios, implementar melloras organizativas e investir máis e mellor en atención primaria.
“Pero a solución definitiva a este problema de falta de persoal require imprescindiblemente do compromiso do Goberno de España, ao que demandamos cinco medidas concretas e inaprazables: reforma do sistema de elección de prazas, acelerar a creación da especialidade de urxencias, mudar os requisitos de acreditación das unidades formativas, aumentar en máis de 1.000 ao ano as prazas de MIR en atención primaria e mellorar o Rexistro Estatal de Profesionais Sanitarios”, indicou o viceportavoz popular.