8 de xulo de 2023. Nunha visita de supervisión dos traballos de montaxe do gran acto central de campaña, a secretaria xeral do PPdeG indicou que 12.000 persoas serán as que mañá volverán encher a Praza de Touros de Pontevedra, o lugar onde se fraguaron as vitorias de Alberto Núñez Feijóo en Galicia desde 2009 e, polo tanto, un “emblema e talismán” para a formación.
“Mañá a Praza de Touros de Pontevedra converterase na Praza de Todos e será o comezo do cambio que España necesita”, afirmou ao tempo que anunciaba que no acto participará a cabeza de lista ao Senado Pepa Pardo, quen dará a benvida aos asistentes antes de dar paso ás intervencións dos presidentes Mariano Rajoy, Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo.
Paula Prado remarcou que Alberto Núñez Feijóo, do que destacou que é “quen mellor coñece Galicia e os intereses dos galegos”, preséntase a estas eleccións cun programa que ofrece “solucións realistas para os problemas reais da xente” e que está “afastado da confrontación que caracteriza ao sanchismo”.
“É o momento de que, ao igual que fai o Goberno da Xunta, haxa un novo Goberno do PP en España que defenda o que verdadeiramente importa”, engadía poñendo como exemplo a recente aprobación da Lei do litoral de Galicia. Salientou que esta norma “resolve os problemas que xerou o Goberno de España na costa de Galicia” e que o seu obxectivo é “ofrecer solucións ás industrias e aos veciños que viven no litoral”.
“Os partidos temos que ofrecer solucións aos problemas da xente e non atrancos”, engadía ao tempo que afeaba a PSOE e BNG a falta de apoio a unha lei na que “non cabe poñerse de costas”.
Paula Prado aproveitou para felicitar ao novo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacando que “unha institución que durante anos estivo ao servizo do PSOE agora estará ao servizo dos concellos e dos seus veciños, que é para o que teñen que servir as institucións”.
Felicitou tamén ao presidente Alfonso Rueda no seu aniversario, o primeiro como presidente do PPdeG: “Desexamos que cumpra moitos anos máis á fronte do noso partido e acumulando a experiencia que necesitamos polo ben de Galicia”.
ANA PASTOR: “PEDIMOS O VOTO A QUEN QUERE QUE AS COUSAS CAMBIEN”
A cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra pediu o voto a “todas as persoas que queren que as cousas cambien, que cren que chegou o momento de ter tranquilidade e que queren, sobre todo, políticas que cheguen a todos os territorios e cidadáns”.
Ana Pastor asegurou que outro modo de gobernar en España é posible: “O 23 de xullo hai dúas opcións: votar a Feijóo ou votar ao sanchismo e ao Goberno Frankestein que tantos desgustos, malestar e enfrontamentos provocou”
LUIS LÓPEZ: “AQUÍ EMPEZOU TODO EN 2009 E AQUÍ COMEZARÁ TODO EN 2023”
O presidente provincial remarcou que o mitin da Praza de Touros “é un reto complicado, ao alcalde de moi poucos partidos ou practicamente ningún, e só é posible conseguilo gracias á implicación dos milleiros de militantes e simpatizantes que temos no PP”.
“Aquí empezou todo en 2009 e aquí comezará todo en 2023. Mañá diremos con rotundidade nesta praza de Pontevedra que é o momento do cambio, o momento de Feijóo e o momento do Partido Popular”, concluíu.