O PPdeG reivindicou hoxe nunha visita á estación intermodal de Santiago de Compostela a capacidade de xestión e os avances nas infraestruturas galegas da man dos gobernos do PP fronte aos agravios de Pedro Sánchez a Galicia nesta materia.
A número 2 ao Congreso pola provincia da Coruña, Marta González, referiuse nomeadamente a un Corredor Atlántico “abandonado” e do que “hai un comisionado que leva máis de seus meses no seu posto e aínda non se reuniu co Goberno galego para establecer prioridades”.
“A pesar de que o Parlamento Europeo aceptou todas as alegacións sobre a incorporación á rede básica desa infraestrutura e deu a razón á Xunta en todas as demandas relacionadas cos tramos Ferrol-A Coruña, A Coruña-Lugo-Monforte e tamén cos portos de Pontevedra, Vigo-Porto, Marín e Ferrol; isto continúa sen ser atendido e o Goberno segue sen tomar decisións relativas á promoción definitiva desta infraestrutura tan importante”, explicou.
Tamén fixo referencia aos “tres anos que tardou o Goberno en redactar e dar publicidade ao informe de impacto hidroxeolóxico da variante de Cerdedo da Alta Velocidade en Vigo”. O cal, na súa opinión, amosa “a nula prioridade que teñen as infraestruturas galegas para o Goberno de Sánchez”.
Marta González tildou de “tema sangrante” a transferencia da titularidade da AP-9 a Galicia: “A solicitude ten decaído unha vez máis pola disolución das Cámaras, despois dun acordo unánime do Parlamento galego en febreiro do 2021 e que quedou en nada polas indicacións do Goberno de Sánchez á presidenta do Congreso e da Comisión de Transportes para non tramitar a iniciativa”.
Incidindo nesta cuestión, a candidata popular reivindicou as emendas presentadas polo PP mentres que, pola contra o PSOE “di unha cousa en Galicia e, cando chega a demanda a Madrid, fai caso omiso ás reclamacións dos galegos”. Unha actitude que cualificou de “tomadura de pelo” e que se enmarca dentro dos cinco anos de “absoluto abandono” aos que o sanchismo condenou ás infraestruturas galegas.
“O PP traballará para que a AP-9 sexa de titularidade galega, como corresponde e como demandan os galegos, e para acabar coa subordinación da nosa Comunidade e o agravio que supón en relación con outras comunidades que si teñen a titularidade das súas autoestradas”, concluíu.
ETHEL VÁZQUEZ: “AS INFRAESTRUTURAS GALEGAS LEVAN CINCO ANOS PERDIDOS POR CULPA DE PEDRO SÁNCHEZ”
Pola súa banda, a responsable nacional de infraestruturas do PP, Ethel Vázquez, apuntou que a estación intermodal de Santiago de Compostela é un dos “escenarios representativos” desta campaña á hora de abordar a situación das infraestruturas.
“O Goberno galego e Alberto Núñez Feijóo comprometéronse coa posta en marcha desta estación para estar preparados para a chegada da Alta Velocidade. Pero, mentres que esta infraestrutura leva dous anos en funcionamento, a Alta Velocidade aínda non chegou nin a Santiago de Compostela nin ao resto de cidades do Eixo Atlántico”, explicou.
Poñendo en evidencia que o AVE tardou 20 anos en chegar a Ourense, recordou que o Goberno de Pedro Sánchez comprometeuse a que chegara tamén a Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra e Vigo “pero outra tempada turística máis estas cidades seguirán sen Alta Velocidade”.
“Mentíronos e nin sequera temos coñecemento sobre cando nin cantos trens Avril van chegar a Galicia”, engadiu Vázquez ao tempo que considera que o realmente grave desta situación é que “é un máis dos incumprimentos” de Pedro Sánchez con Galicia no que se refire ás infraestruturas de titularidade estatal.
Mencionou neste sentido a falta de avance na modernización da liña ferroviaria a Ferrol, a falta de planificación da Saída Sur de Vigo para a conexión por AVE con Portugal ou que aínda non se puxeran en servizo os dous treitos da autovía Santiago-Lugo.
Ethel Vázquez tamén quixo referirse nomeadamente ao acontecido co derrubamento do viaduto da A-6: “O cumio do abandono na conservación das nosas autoestradas foi que, despois de realizar actuacións de rehabilitación, esta infraestrutura colapsou e a día de hoxe temos unha autovía menos en Galicia”.
Unha situación que sintetizou contrastando os “cinco anos perdidos para as infraestruturas galegas por culpa de Pedro Sánchez” coa “vontade e a capacidade de xestión do PP”.
PAULA PRADO: “OS GALEGOS NON PODEN PERDER O TREN DO CAMBIO”
A secretaria xeral do PPdeG ironizou con que o PSOE elixira como lema de campaña a palabra “adiante” cando, na súa opinión, en Galicia “só se deron pasos atrás”. De aí que, fronte á “desconexión” que supuxeron estes cinco anos de Goberno socialista en materia de infraestruturas, avogue porque este 23 de xullo “haxa unha desconexión con Pedro Sánchez”.
“Queremos que os galegos saiban que todas estas cousas que non se fixeron nestes anos si son posibles da man de Alberto Núñez Feijóo, porque é o único que coñece cales son as nosas necesidades e o único capaz de chegar á Moncloa, abrir o caixón e sacar todos eses proxectos fundamentais para que Galicia conte cunhas infraestruturas do século XXI”, explicou.
Paula Prado insistiu en que a súa formación “non quere máis para Galicia que para outras comunidades autónomas, pero tampouco menos” e por iso fixo un chamamento a que, nestas eleccións xerais, os galegos “non perdan o tren” de exercer o voto útil apoiando ao PP e levar así a un galego á Moncloa para que represente a todos os españois e sobre todo a Galicia.
“Hai dous días Feijóo gañou o debate, pero aínda non gañou as eleccións. As urnas están baleiras e quedan 11 días para enchelas cun voto masivo ao PP e ao cambio en España”, concluíu.