A secretaria xeral do PPdeG reivindica que “se A Mariña tivo voz no Congreso e no Senado na pasada lexislatura non foi grazas a Pedro Sánchez, senón aos representantes do PP que levaron alí os problemas, as inquedanzas e as necesidades de toda a comarca”
José Manuel Barreiro subliña que o sector do mar é “un motor económico fundamental” e pon sobre a mesa as consecuencias negativas que está tendo sobre o consumo dos seus produtos a negativa do Goberno a rebaixar o IVE
A secretaria xeral do PPdeG considera que Alberto Núñez Feijóo foi o “claro gañador” do cara a cara celebrado onte cun Pedro Sánchez “moi nervioso e incómodo” porque “non lle gusta escoitar que durante cinco anos non fixo absolutamente nada por resolver os problemas da xente e, aínda por riba, xerou problemas que poderían ser evitados”.
O candidato do PP, segundo Paula Prado, foi “o único que fixo propostas claras” como a dun pacto para que goberne a lista máis votada: “Sánchez negouse a firmar un pacto que en Galicia evitaría situacións como as de Santiago, Lugo, A Coruña ou Pontevedra; onde se xuntaron os perdedores para impedir que gobernara o PP a pesar de ser o partido con máis votos”
“Non sabemos para que Sánchez estivo catro días encerrado, porque onte vimos que non tiña nada que ofrecer aos cidadáns”, ironizou a número dous dos populares galegos ao tempo que concluía: “Sospeitamos que eses catro días estivo encerrado realmente porque non pode saír á rúa e o seu partido nin lle fai actos nin ten capacidade para facelo”
Fronte a isto, os populares seguirán facendo “unha campaña a pé de rúa, escoitando á xente, facendo propostas e ofrecendo solucións concretas a problemas concretos”
En clave local, a secretaria xeral do PPdeG reivindicou que “se A Mariña lucense tivo voz no Congreso e no Senado na pasada lexislatura non foi grazas a Pedro Sánchez, senón aos representantes do PP que levaron alí os problemas, as inquedanzas e as necesidades de toda a comarca”
Este 23 de xullo, engadiu, a xente da Mariña ten a oportunidade de facer presidente do Goberno de España a “unha persoa que coñece perfectamente a comarca e sabe de primeira man os seus problemas”
Problemas como os do litoral que creou Pedro Sánchez con actuacións lesivas como foi a reforma do regulamento estatal de Costas ou a Lei de cambio climático e transición enerxética, fronte aos cales desde Galicia se puxeron solucións
Citou neste sentido a recentemente aprobada Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, coa que se busca facilitar a xestión do dominio público marítimo-terrestre xa que “en Galicia non só vivimos no litoral, senón que vivimos do litoral”
Paula Prado salientou ademais que unha das propostas que o PP leva no seu programa electoral e que se fará realidade se Feijóo acada a maioría suficiente para presidir o Goberno de España é a rebaixa do IVE ao peixe e aos produtos do mar, unha medida “fundamental para os produtores e para os consumidores”
BARREIRO: “O APOIO E COMPROMISO DO PP CO SECTOR DO MAR É CLARO”
O cabeza de lista ao Senado por Lugo reivindicou ao sector do mar como “un dos sectores económicos fundamentais” de Galicia e de España, poñendo sobre a mesa as consecuencias negativas que está tendo sobre o consumo dos seus produtos a carga impositiva que teñen
Sobre a visita de hoxe a Burela, José Manuel Barreiro asegurou que o obxectivo é “escoitar aos armadores, que nos trasladen os seus problemas e trasladarlles o noso apoio e compromiso claro con este sector que é un dos motores claves da Mariña e que terá do próximo Goberno de Alberto Núñez Feijóo o apoio que lle faltou durante estes anos de sanchismo”
Lamentou tamén que os asteleiros “non estean atravesando o seu mellor momento pola falta de consideración que tiveron ata agora por parte do Goberno do Estado e a pesar de que a fabricación de barcos é un dos motores fundamentais desta zona”
“Nós queremos que todo isto cambie a través do esforzo e do compromiso que Alberto Núñez Feijóo ten”, concluíu