28 de agosto de 2023. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, situou hoxe como “un dos principais obxectivos para o vindeiro período de sesións no Parlamento de Galicia a creación de postos de traballo co impulso do noso sector industrial, apoiado na chegada dos fondos europeos e atendendo as súas demandas, sobre todo en materia de enerxía”.
Paula Prado comezou a súa comparecencia ante os medios salientando o acto de inicio do curso político que o Partido Popular celebrou onte no Castelo de Soutomaior, “un espazo ao que o PPdeG volveu logo de 7 anos nos que o Goberno socialista e nacionalista na Deputación de Pontevedra nos privou de utilizalo”. “Agora, co regreso do PP á Presidencia da Deputación de Pontevedra, o Castelo de Soutomaior volve a ser un espazo aberto para a súa utilización por parte de calquera entidade, organización ou asociación, independentemente das súas ideas políticas, sempre que se respecten as normas do seu uso”, indicou.
SESIÓN DE INVESTIDURA
A viceportavoz popular lembrou que este inicio de curso político vén marcado pola sesión de investidura do candidato do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, que terá lugar os días 26 e 27 de setembro no Congreso “e na que xa anunciou onte presentará unha batería de medidas económicas e sociais coas que España poida medrar, crear emprego, sanear as contas públicas e reducir a carga fiscal que nestes momentos sofren os españois”.
“Estamos convencidos que é posible acabar coa dexeneración política na que nos ten medido o Goberno de Pedro Sánchez, e que se pode ver agravada nos vindeiros anos cun novo Goberno de España apoiado en 24 formacións políticas, entre elas os herdeiros dos etarras e os independentistas cataláns”, manifestou.
Neste sentido, lembrou que “Feijóo está a catro votos de conseguir ser o próximo Presidente do Goberno de España e xa anunciou que seguirá traballando ao longo deste mes de setembro para conseguir estes apoios e evitar que Pedro Sánchez continúe de Presidente a cambio de ceder aos independentistas cataláns unha amnistía, incompatible coa actual democracia; un referendo, incompatible coa Constitución; indultando a máis corruptos; e volvendo a quebrar o principio de igualdade entre os españois”.
Para evitar esta situación, Prado afirmou que o Partido Popular dialogará coas forzas parlamentarias, coa excepción de Bildu, e con todos os presidentes autonómicos, respectando sempre o marco constitucional e sen ceder ante as pretensións dos independentistas, antepoñendo sempre a legalidade, a igualdade e o beneficio de todos os españois”.
ESTABILIDADE E CONFIANZA DOS GALEGOS
Fronte a esta situación de incerteza política que se vive a nivel nacional, Paula Prado destacou que “en Galicia seguimos traballando co respaldo da estabilidade e a confianza que os galegos teñen depositado no Partido Popular e no Goberno galego”.
Deste xeito, apuntou que o Grupo Popular está a rexistrar nestas datas novas iniciativas para o novo período de sesións, “no que un dos principais obxectivos vai ser a creación de postos de traballo co impulso do noso sector industrial, apoiado na chegada dos fondos europeos e atendendo as súas demandas, sobre todo en materia de enerxía”.
Paula Prado referiuse á situación actual do emprego en Galicia, salientando que “nestes momentos temos a cifra de paro máis baixa de toda a serie histórica: 127.445 persoas, segundo o paro rexistrado; e unha taxa de desemprego no 9,6 por cento, segundo a EPA, dous puntos menos que a media nacional”. Máis en concreto, dixo que estas cifras “son especialmente boas se nos fixamos nos datos de emprego feminino e na mocidade, que tanto nos preocupan porque son colectivos especialmente golpeados nos últimos tempos”.
Así, recordou que a cifra de parados menores de 30 anos (12.949) e de mulleres desempregadas (75.713) son as menores da serie histórica, que comeza en 2005. Ademais, no que levamos de ano, a ocupación feminina incrementouse un 2,8 por cento, fronte ao 1,7 por cento que se rexistrou entre os homes. No caso dos menores de 30 anos, a ocupación incrementouse un 11 por cento, co dato destacado de que tres de cada catro mozos traballa a xornada completa.
APOIO AO SECTOR INDUSTRIAL
“Estas cifras non fan máis que animarnos a seguir traballando para que cada día sexan menos os galegos e galegas inscritos nas oficinas de emprego, e para iso consideramos fundamental apoiar ao noso sector industrial atendendo as súas demandas”, sinalou a viceportavoz popular. Deste xeito, entre as iniciativas de impulso que o Grupo Popular xa ten rexistrado neste Parlamento, insístese na necesidade de garantir a viabilidade técnica e a competitividade do noso sector industrial co subministro necesario de enerxía eléctrica.
Paula Prado alertou que “proxectos estratéxicos como o de Altri, Resonac, Forestal do Atlántico ou a planta de hidróxeno verde de As Pontes non serán posibles sen unha rede eléctrica apropiada e suficiente, avanzando cara un sistema eléctrico baseado na xeración renovable e que garanta unha subministración de enerxía segura, continua e de alta calidade”.
“Lamentablemente, o Goberno de Pedro Sánchez leva moito tempo demostrando a súa incapacidade para adoptar un paquete de medidas que permita á industria española e galega contar cun subministro eléctrico de calidade a un prezo competitivo, estable e predicible”, apuntou Prado, quen anotou que “esta incapacidade do actual Goberno de España para dotar de enerxía ás nosas industrias, xunto coa nefasta xestión que está a facer dos fondos europeos, está a por en perigo a creación de máis de 5.000 postos de traballo asociados proxectos estratéxicos como o xa citado de Altri, pero tamén outros como o de Stellantis en Vigo ou as plantas de hidróxeno de As Pontes e Meirama”.