O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España a transferir fondos europeos para a súa xestión directa co obxectivo de garantir a viabilidade dos principais proxectos tractores galegos, ao igual que ten feito con outras Comunidades Autónomas.
En concreto, pídese que se garanta o máximo respecto ás competencias exclusivas de Galicia, nomeadamente as relativas ao fomento e á planificación da actividade económica e da industria, tal como recolle o Estatuto de Autonomía para Galicia; a descentralización dos fondos e da súa xestión e execución; garantir a adxudicación dunha porcentaxe dos fondos superior ao que se vén recibindo doutros programas europeos que reparte o Goberno central, en base á situación demográfica, medioambiental e industrial, entre outras; e buscar garantías para que os fondos públicos para a reactivación da economía contribúan a manter o emprego existente nas empresas receptoras.
A portavoz popular de Industria, Cristina Sanz, lembrou que “desde o principio demandamos un cambio de modelo na distribución dos fondos europeos que permitise que estes recursos cheguen realmente ás empresas e que permitise desenvolver os proxectos tractores que Galicia ten preparados”. “Uns proxectos que seguen agardando a resposta dun Goberno que está xestionando estes fondos dun xeito ineficaz e pouco transparente”, dixo.
Deste xeito, considerou “imprescindible unha cogobernanza efectiva entre o Goberno central e as comunidades autónomas, co fin de asegurar que estes fondos europeos cheguen ao tecido produtivo mediante unha distribución transparente e equitativa”. “O Goberno de España decidiu xestionar a totalidade dos fondos que recibe da Unión Europea para fortalecer a industria, principalmente a través dos PERTE, sen procurar unha coordinación estreita e efectiva coas administracións autonómicas, nin no seu deseño, nin tampouco na súa xestión”, explicou a portavoz popular, quen lamentou que este procedemento “está levando a que grandes proxectos teñan que presentarse a pequenas convocatorias que non responden ás necesidades de financiamento dos seus promotores”.
De acordo coas ultimas estimacións, dos máis de 42.000 millóns de euros anunciados para os PERTE, a día de hoxe tan só se convocaron 14.918 millóns de euros, dos que o Goberno de Pedro Sánchez so foi capaz de resolver 9.440 millóns. “É dicir, de cada 100 euros dispoñibles para apoiar os investimentos industriais en España, 78 euros aínda están no caixón do goberno”, apuntou.
GALICIA FIXO OS DEBERES
Cristina Sanz salientou que “Galicia fixo os deberes e ten artellado a maior carteira de proxectos que xamais se viu nesta terra, proxectos que desde o primeiro día contan co apoio institucional da Xunta”. Así, concretou que seis iniciativas empresariais xa contan coa declaración de proxectos industriais estratéxicos por parte do Goberno galego: a fábrica de fibras téxtiles de Altri; a fábrica de pneumáticos de Sentury en As Pontes; o proxecto Triskelion, promovido por Forestal do Atlántico en Mugardos; o proxecto H2 Pole, un centro de produción de hidróxeno verde impulsado por Reganosa e EDP Renovables en As Pontes; a biofábrica de Ence en As Pontes; e a planta de hidróxeno renovable H2 Meirama de Cerceda.
“Falamos de seis proxectos que suman un investimento total en Galicia de 1.852 millóns de euros”, subliñou.
Ademais, a portavoz popular engadiu que “a carteira de proxectos de Galicia vai máis alá, porque tamén inclúe a futura fábrica de baterías de Resonac en A Coruña; o proxecto de Stellantis en Vigo; o Polo Aeroespacial de Galicia en Lugo; a cidade das TIC en A Coruña; a nova fábrica de Estrella Galicia en Arteixo; o campus tecnolóxico en Padrón e Rois, e a planta de aluminio verde en Coirós de Cortizo; a microacería de Celsa en Laracha; ou a nova liña de extrusión de precisión de Exlabesa en Padrón.