A secretaria xeral do PPdeG remarcou hoxe nunha entrevista no programa ‘Galicia por Diante’ de Radio Galega que, neste novo curso político, as prioridades da formación seguirán sendo “resolver os problemas dos galegos, axudarlles a facer fronte ao incremento do custo da vida, ofrecer estabilidade e gobernar con sentidiño, lonxe do ruído que vemos na política estatal”.
De cara ao curso escolar que se dará comezo nuns días, destacou o incremento das axudas da Xunta para material escolar e libros de texto: “A pesar de que a nova Lei de Educación estatal provocou que as familias teñan que cambiar o 100% dos libros de texto, o Goberno galego ten adquirido 350.000 para que quen precise eses libros, poida telos de balde”.
Sobre a investidura de Alberto Núñez Feijóo, a número dous dos populares amosouse “sorprendida” ante as críticas do PSOE, recordando que “foi o PP quen gañou as eleccións e foi o Rei quen propuxo a Feijóo para que fose candidato e dialogase con todas as forzas políticas para chegar a acordos”.
“Para nós resulta difícil chegar a acordos cuns partidos que o único que poñen enriba da mesa é unha amnistía que non podemos apoiar en ningún caso. En cambio, o PSOE está achegando posturas con eles cada día máis a cambio de ceder ante todas as demandas dun independentismo insaciable”, engadiu.
Neste sentido concluíu que a investidura non pode consistir “nunha poxa territorial, nunha ruptura da unidade de España e nun afondamento na desigualdade dos cidadáns”.
Paula Prado asegurou que o PSOE e os seus socios están “deconstruíndo o espírito de convivencia da Transición” e “plantexando unha ruptura da Constitución que critican ata voces tan destacadas dentro do socialismo como Ramón Jáuregui, Felipe González ou Nicolás Redondo”.
“Ceder ante o independentismo é afondar na desigualdade territorial e nós como galegos non imos consentir que a Galicia se lle prive de nada para darllo a outros territorios só para que Pedro Sánchez poida conservar o seu sillón na Moncloa”, remarcou.
A secretaria xeral do PPdeG afeou ao BNG que volva dar o seu apoio a Pedro Sánchez “a cambio de nada” e puxo como exemplo o incumprimento de demandas galegas na pasada lexislatura como son a transferencia da AP-9, o impulso do Corredor Atlántico, o 50% de financiamento que lle corresponde ao Goberno central dos servizos de dependencia ou a transferencia de competencias como a xestión do dominio público marítimo-terrestre.
Afondando na cuestión da transferencia da AP-9 a Galicia, Prado explicou que o impulso agora dunha nova proposición de lei para facela efectiva vén de que “durante anos o PSOE e os seus socios bloquearon a iniciativa no Congreso”.