Pepa Pardo, senadora do Partido Popular de Galicia pola provincia de Pontevedra, vén de solicitar na Cámara Alta “o cese inmediato” da ministra de Igualdade en funcións, Irene Montero, ante unha nova rebaixa dunha condena coa aplicación da Lei do só si é si, neste caso a un dos membros da Manada.
Pardo, a través da pregunta por escrito que rexistrou no Senado, indicou que desde a entrada en vigor desta lei máis de 1.150 agresores sexuais viron rebaixada a súa condena e 117 foron excarcerados. De feito, xa houbo casos de reincidencia, como o rexistrado o 25 de agosto en Dos Hermanas.
En referencia a estas cifras, a senadora popular solicitou coñecer de maneira inmediata cantos agresores sexuais máis van ter rebaixadas as súas penas ou excarcerados para que a ministra en funcións Irene Montero dimita ou sexa cesada.
“A que esta esperando este goberno en funcións para pedir perdón ás vítimas da Lei do so si é si, un dos maiores perigos para as mulleres. A principal impulsora desta lei ten que ser cesada ou ten que dimitir de maneira inmediata”, reiterou Pepa Pardo.