O presidente do Partido Popular de Galicia, Alfonso Rueda, agradece a Alberto Núñez Feijóo o gran interese que demostrou por Galicia tanto na súa ronda de contactos de cara á investidura como no seu proxecto de país para España, ao tempo que lamenta que Pedro Sánchez volvera demostrar onte que a nosa Comunidade “non lle importa en absoluto”.
Así o manifestou ante o Comité de Dirección do PPdeG que se celebrou esta tarde na sede do partido en Santiago de Compostela. Unha xuntanza na que tamén anunciou o seu apoio ao acto en contra da amnistía que se celebrará o próximo domingo en Madrid. O propio Alfonso Rueda acudirá á manifestación acompañado da secretaria xeral Paula Prado, así como deputados, senadores e afiliados da formación.
Sobre a visita de Pedro Sánchez onte a Galicia, o líder dos populares galegos asegurou que é un exemplo máis de que por moito que Sánchez estea en Galicia, non está cos galegos. Preguntándose ademais como os socialistas poden aspirar a presidir a Comunidade cando nin sequera son capaces de elixir ao seu candidato para as eleccións autonómicas.
Mostrouse ademais moi crítico ante o feito de que pretendan dar leccións de constitucionalismo os mesmos que están negociando cos dereitos e os recursos de todos os españois para poder atender as necesidades do PSOE para a investidura. Algo que, tal e como xa remarcou onte no acto celebrado no Multiusos do Sar, Galicia non vai permitir en ningún caso e baixo ningún concepto.
Afondando na investidura, Rueda volveu recordar o “cheque en branco” que o BNG deu a Pedro Sánchez en 2019 e que agora volverá dar “por moito que os nacionalistas queiran facerse de rogar”. De feito, preguntouse se Ana Pontón dá por cumpridas algunhas das medidas pactadas co PSOE no pasado como a transferencia da AP-9, a modernización da rede ferroviaria galega, o impulso do Corredor Atlántico ou o 50% de financiamento dos servizos de dependencia que corresponden ao Goberno central e que seguen sen chegar a Galicia.
Fronte a uns partidos que non son capaces de ofrecer un proxecto de futuro aos galegos, o presidente do PPdeG remarcou a súa aposta por seguir facendo de Galicia unha illa de estabilidade e prosperidade que, lonxe de dogmatismos e de ideoloxías que só buscan a confrontación, continúe centrada en falar do que de verdade importa á xente e en resolver os seus problemas.