18 de setembro de 2023. O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, salientou hoxe que a celebración no mes de outubro do Debate sobre o Estado da Autonomía e o inicio da tramitación dos orzamentos da Xunta para 2024 son unha demostración da “normalidade política que gozamos en Galicia”, en contraste coa inestabilidade que se vive a nivel estatal.
De cara á sesión de investidura de Alberto Núñez Feijóo da vindeira semana, Pazos incidiu que “é o único que pode garantir un Goberno libre de ataduras, enganos e concesións, baseado nun gran acordo nacional que garanta a igualdade dos españois e os principios constitucionais”.
Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios de comunicación trasladando o pésame á familia e aos amigos de Pepe Domingo Castaño, “un galego universal e inesquecible, que deixa orfos dunha voz irrepetible a millóns de oíntes da radio española”.
DEFENSA DA IGUALDADE
De cara ao Pleno da vindeira semana, o portavoz popular lembrou que coincidirá coa celebración no Congreso do debate de investidura de Alberto Núñez Feijóo como Presidente do Goberno de España. “Onte tivemos oportunidade de escoitar ao Presidente nacional do PP en Santiago e confirmar a súa defensa absoluta da igualdade entre todos os españois, en calquera circunstancia e coste o que coste, incluso, como dixo, a Presidencia do Goberno de España”, lembrou.
“Feijóo, e o Partido Popular no seu conxunto, non está disposto a gobernar a calquera prezo, e en ningún momento aceptará poxas, atallos nin chantaxes nin de independentistas nin de calquera outra forza política”, sinalou Alberto Pazos, quen engadiu que con el “os intereses xerais e o respecto á lei estarán sempre por enriba de calquera ambición persoal”.
Porén, lamentou que Pedro Sánchez volveu demostrar onte na súa visita a Galicia que “a coherencia, o sentido de Estado e a defensa das institucións son neste momento incompatibles con militar no PSOE actual”, ao tempo que afirmou que “está plenamente aos pes do independentismo e cederá a todo o que lle pidan co único fin de continuar como Presidente do Goberno de España”.
“Á amnistía para todos os golpistas cataláns, encabezado polo señor Puigdemont, Pedro Sánchez terá que aceptar tamén a solicitude de celebrar un referendo de autodeterminación e cancelar os máis de 70.000 millóns de euros de débeda que ten Cataluña co Estado, ao que no día de onte se sumou unha nova petición: unha lei de financiamento singular que transfira á Generalitat a xestión e recadación de todos os impostos xerados nesta Comunidade autónoma·, concretou.
TOMADURA DE PELO DOS SOCIALISTAS
Alberto Pazos tamén manifestou que a visita de Pedro Sánchez a Galicia tamén tivo a súa repercusión a nivel galego, “xa que veu amosar claramente a situación na que se atopa o socialismo nesta comunidade”. Así, sinalou que, “salvo a obrigada intervención do secretario xeral dos socialistas galegos, ningún dos posibles candidatos á Presidencia da Xunta quixo saír na foto con Pedro Sánchez”. “Semella que ningún socialista galego está disposto a pasar o calvario de presentarse á Presidencia da Xunta, o que coincide coa orde de Ferraz de aprazar sine die a elección do candidato”, apuntou.
A pesar desta situación de falta de candidato, o portavoz popular ironizou con que “o secretario xeral dos socialistas galegos insiste en que Alfonso Rueda convoque as eleccións galegas”. “Se non fora porque estamos a falar dun tema tan importante como quen vai gobernar Galicia nos vindeiros anos, parecería unha tomadura de pelo por parte dos socialistas a todos os galegos”, criticou.
Deste xeito, Pazos cuestionou se o PSOE galego “está poñéndolle a alfombra vermella ao BNG para que os nacionalistas continúen como principal forza da oposición”, que na actualidade centran as súas preocupacións na utilización do galego no Congreso e na Unión Europea, e un ‘Estatuto de nazón’”. “Un BNG alonxado da realidade dos galegos e que sigue defendendo propostas para Galicia como o cupo, rexeitado por todos os expertos na materia que compareceron na Comisión de Financiamento, a excepción dos comparecentes que viñeron da súa man”, dixo.
Fronte a esta oposición, Alberto Pazos manifestou que no Grupo Popular “seguiremos traballando polo benestar dos galegos, para o que xa estamos a preparar o Debate sobre o Estado da Autonomía que se celebrará no vindeiro mes de outubro”.
PROPOSTAS PARA O DEA
“Un debate que amosa a normalidade política que vivimos en Galicia e que se celebrará unha vez se cumpriu o primeiro ano de Alfonso Rueda como Presidente da Xunta”, explicou o portavoz popular, quen engadiu que esa situación de “privilexio contrasta coa inestabilidade que se vive a nivel estatal, que tanto está a afectar á situación económica e social que vive España e os españois”.
De cara a este Debate sobre o Estado da Autonomía, avanzou que o Grupo Popular fará propostas para que Galicia siga avanzando con medidas dirixidas a continuar pola senda da estabilidade orzamentaria, melloras fiscais e beneficios sociais para todos os galegos, especialmente para aqueles que peor o están pasando neste momento de suba desproporcionada de prezos.
“Un debate, ademais, que será a antesala dos orzamentos da Xunta para 2024, outra mostra máis de estabilidade política que confiamos continúe no futuro nas mans do Partido Popular de Galicia e de Alfonso Rueda como Presidente de todos os galegos”, incidiu.