O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España a remisión á Xunta, no prazo dun ano, das reproducións de toda a documentación eclesiástica, pía e asistencial galega que obra no poder do Estado froito das desamortizacións do século XIX, co obxectivo de poñelas a disposición dos investigadores galegos nas institucións correspondentes.
O deputado popular José Luís Ferro lembrou a existencia dun convenio asinado entre o Goberno de España e a Xunta para que os arquivos das institucións eclesiásticas, pías e asistencias galegas que pasaron a mans do Estado como consecuencia das excesivas medidas desamortizadoras do século XIX sexan obxecto dunha reprodución para a súa incorporación aos arquivos históricos provinciais da súa correspondente demarcación. “É imprescindible que as accións previstas hai máis de 15 anos conclúan, favorecendo a chegada das reproducións á terra de produción dos documentos”, sinalou.
DOCUMENTACIÓN RELEVANTE
“O feito de non as posuír ata o de agora supuxo un prexuízo para a investigación galega e para os intereses galegos, posto que non existe un acceso en condicións óptimas a boa parte destas fontes na actualidade, o que suscita unha petición por parte dos investigadores para que culmine o proceso”, dixo.
José Luís Ferro salientou a “relevancia desta documentación para o coñecemento da lingua, da literatura, da historia e para o coñecemento tamén da economía da época”, polo que considerou “determinante no contexto investigador actual co fin de acrecentar as fontes de estudo para o coñecemento medieval que Galicia poida contar coas ditas reproducións no menor tempo posible”.
Deste xeito, solicitou “un esforzo da Administración do Estado, que ha de ser unha das principais interesadas en velar polo desenvolvemento da investigación sobre o pasado de Galicia e en ampliar o coñecemento”.