O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, botou a andar este mediodía en Bandeira (Silleda) o autobús de ‘Galicia non para!’ co que percorrerá a Comunidade co obxectivo de manter un contacto máis directo cos galegos e as galegas e afondar así nas súas preocupacións reais.
O autobús instalouse na Praza da Feira e ata alí se achegaron numerosos veciños e curiosos sorprendidos pola súa presenza. Todos eles tiveron a oportunidade de conversar e incluso tomar unha caña de cervexa sen alcohol con Alfonso Rueda, que chegou a Bandeira pouco despois de que o autobús fixese parada e que en todo momento se mostrou moi satisfeito de ter a oportunidade de manter este tipo de encontros directos e espontáneos coa cidadanía, sen intermediarios.
Ao longo das vindeiras semanas o autobús de ‘Galicia non para!’ continuará a súa viaxe por diversos concellos das catro provincias galegas e, deste xeito, o líder dos populares galegos poderá seguir afondando no coñecemento real dos problemas dos galegos e as galegas. E, sobre todo, recibir directamente e mediante a conversa persoal, as súas inquedanzas e propostas.
Para afondar nesta obxectivo, o PPdeG pon en marcha hoxe tamén a páxina web rueda.gal; a través da cal todos os galegos e galegas que o desexen poderán trasladarlle ao presidente Alfonso Rueda todo aquelo que lles preocupa, o que vai ben e o que cren que pode mellorar.
Deste xeito, aquelas persoas que non poidan achegarse de xeito presencial aos lugares onde estea instalado o autobús de ‘Galicia non para!’, poderán facer chegar as súas suxestións a través da web (á que se pode acceder tamén a través dun código QR impreso nos posavasos que se reparten no autocar).
Neste percorrido por Galicia, Rueda falará coa xente de economía, de emprego, de familia, de educación ou do agro; e porá en valor a política a pé de rúa que sempre caracterizou ao PPdeG e que adquire máis importancia se cabe nun contexto nacional no que a política se afasta cada vez máis dos intereses dos cidadáns e a comunicación redúcese aos contactos entre determinados partidos.
Cómpre subliñar que unha das máximas de Alfonso Rueda desde que asumiu a presidencia do PPdeG foi a de “menos atril, menos distancia e máis ti a ti”. De aí que con esta nova iniciativa se pretenda non só afondar nesta liña, senón tamén facer chegar á cidadanía ese persoal #EstiloRueda tan valorado e do que o líder dos populares galegos leva facendo gala todo este tempo.