O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación no Parlamento de Galicia dunha proposición non de lei a través da que se pide á Xunta realizar un estudo sobre a posible incorporación progresiva e sistemática da figura do óptico e optometrista no Servizo Galego de Saúde, tendo en conta as avaliacións sobre o tema realizadas polos colectivos implicados. Así mesmo, solicítase diálogo co Colexio Oficial de Ópticos e Optometristas para avaliar posibles modificacións no convenio para facilitar a atención aos cidadáns nos establecementos.
A deputada popular Marta Rodríguez-Vispo afirmou que para a implantación destas medidas “débese ter en conta a todos os actores implicados, como é o caso os oftalmólogos e a enfermería deste área que xa traballan no Sergas, para determinar as funcións e o papel de cada un sen que a decisión final repercuta de xeito negativo a algunha das partes”.
“O obxectivo dos convenios non é outro que mellorar a saúde visual da cidadanía galega, facilitando o acceso aos problemas de refracción e compensación da agudeza visual para mellorar a saúde visual da poboación e a educación sanitaria dos coidados visuais”, indicou.
Rodríguez-Vispo lembrou que a atención ás enfermidades oftalmolóxicas “estase a levar a cabo polos profesionais do Sergas, tanto en atención primaria no seguimento de pacientes crónicos, como en atención hospitalaria”. En concreto, na actualidade máis de 160 facultativos especialistas en oftalmoloxía realizan máis de medio millón de consultas ao ano e máis de 35.000 intervencións cirúrxicas. Ao mesmo tempo, en atención primaria fanse máis de 50.000 retinografías cada ano para o control dos pacientes crónicos.