O autobús de ‘Galicia non para!’ continúa a súa ruta pola xeografía galega e hoxe chegou ao municipio costeiro de Porto do Son, onde Alfonso Rueda desfrutou xunto aos seus veciños dunha solleira xornada que lle permitiu proseguir no seu obxectivo de afondar no sentir dos galegos e das galegas.
No marco desta iniciativa que ten por obxectivo manter un contacto directo, a pé de rúa e sen intermediarios coa cidadanía, o presidente do PPdeG puido compartir impresións e recoller as necesidades da Galicia costeira da man dos numerosos veciños e curiosos que transitaban a fachada marítima deste municipio.
Entre as moitas suxerencias que lle trasladaron, estaba a de poder darlle un pulo á actividade industrial na comarca.
Transeúntes e visitantes non dubidaron en acercarse ao autobús a coñecer persoalmente a Alfonso Rueda e compartir con el unha amena conversa. De feito, entre eles era moita a xente de fóra de Porto do Son que pasa a fin de semana neste concello.
Non era este o caso de Tam, un carismático neno do Son, ao que o presidente tivo a oportunidade de coñecer xunto á súa familia e o seu can Rex.
A meteoroloxía acompañaba e iso favoreceu que o ambiente fose tan distendido que incluso moitos agradeceron que o encontro co líder dos populares galegos puidese darse acompañado dunha caña como as que ofrece o persoal do autobús de ‘Galicia non para!’.
Tras os exitosos encontros que previamente mantivera coa veciñanza de Bandeira e Portomarín, o presidente Rueda segue así incrementando o seu coñecemento sobre os problemas reais dos galegos, as súas impresións, suxestións e inquedanzas.
Algo para o que tamén se puxo en marcha a páxina web rueda.gal; a través da cal todo aquel que o desexe poderá trasladarlle ao presidente Alfonso Rueda todo aquilo que lle preocupa, que vai ben e o que é posible mellorar.
Deste xeito, aquelas persoas que non poidan achegarse de xeito presencial aos lugares onde estea instalado o autobús de ‘Galicia non para!’, poderán facer chegar as súas suxestións a través da web (á que se pode acceder tamén a través dun código QR impreso nos posavasos que se reparten no autocar).
Ao longo dos vindeiros días e semanas, o autocar continuará a súa viaxe por diversos concellos das catro provincias galegas.