O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, comprometeuse hoxe cos veciños de Malpica de Bergantiños a seguir defendendo o modo de vida da Galicia costeira, así como a continuar facendo da nosa Comunidade unha illa de estabilidade a nivel nacional.
Fíxoo nunha nova escala do autobús de ‘Galicia non para!’ neste concello da Costa da Morte, onde a tan emblemática Casa do Pescador exerceu de telón de fondo mentres o líder dos populares galegos conversaba animadamente cos moitos veciños que se achegaron ata alí para poder coñecelo e tamén trasladarlle algunhas das cuestións que lles preocupan.
É o caso da situación da costa galega e das edificacións instaladas nela, ameazadas pola normativa estatal e que o Goberno galego intenta protexer a través da Lei do Litoral. Sobre isto, a veciñanza amosouse sorprendida de que unha norma tan necesaria e que tanta tranquilidade xeraría a moitos veciños de Malpica e do resto de concellos da comarca, sexa considerada inconstitucional por Pedro Sánchez.
Tamén quixeron transmitirlle ao líder dos populares a satisfacción coa xestión que fai o goberno que dirixe Eduardo Parga, quen atesora máis dunha década da experiencia ao servizo dos seus veciños e do seu concello.
Trasladáronlle así mesmo o seu interese polas melloras do porto, un eixo fundamenta na vida económica de Malpica, así como polos avances do futuro centro de saúde, que está pendente de la cesión de terreos. Ademais, mostraron a súa preocupación polas negociacións cos cataláns: «A ver se arranxamos isto»; «a ver que vai ser de nós», lle dixeron.
ALFONSO RUEDA SEGUE EN RUTA
Tras os exitosos encontros que previamente mantivera coa veciñanza de Bandeira, Portomarín, Porto do Son, Bande e Cuntis, o presidente Rueda segue así afondando nos problemas reais dos galegos, as súas impresións, suxestións e inquedanzas.
Algo para o que tamén se puxo en marcha a páxina web rueda.gal; a través da cal todo aquel que o desexe poderá trasladarlle ao presidente Alfonso Rueda todo aquilo que lle preocupa, que vai ben e o que é posible mellorar.
Deste xeito, aquelas persoas que non poidan achegarse de xeito presencial aos lugares onde estea instalado o autobús de ‘Galicia non para!’, poderán facer chegar as súas suxestións a través da web (á que se pode acceder tamén a través dun código QR impreso nos posavasos que se reparten no autocar).
Ao longo dos vindeiros días e semanas, o autocar continuará a súa viaxe por diversos concellos das catro provincias galegas.