Logo de ter percorrido as catro provincias galegas, o autobús de ‘Galicia non para!’ volveu hoxe a Pontevedra para facer parada en Cuntis, onde Alfonso Rueda tomou nota das demandas que lle trasladaron os seus veciños para facer que o concello avance ao ritmo que o fai Galicia, desde o ‘sentidiño’ e a estabilidade.
Neste pequeno concello de menos de 5.000 habitantes da comarca de Caldas, o líder dos populares galegos comprobou de primeira man a importancia de facer políticas pensadas para as persoas, vivan onde vivan, e que á súa vez permitan o desenvolvemento económico, industrial e turístico do territorio, tal e como reflectiron os Orzamentos aprobados esta semana pola Xunta.
Algo que constatou ao ter a oportunidade de conversar e desfrutar desta primeira xornada da fin de semana xunto aos numerosos veciños de Cuntis que se achegaron a “tomarlle unha” co presidente no autobús de ‘Galicia non para!’ aproveitando a tregua que a borrasca deixou este sábado.
Rueda amosouse especialmente interesado polo gran potencial turístico aínda por explotar deste municipio no eido termal e tamén patrimonial, ao contar cun dos mellores símbolo do pasado celta de Galicia no xacemento arqueolóxico de Castrolandín.
Pola súa banda, entre os temas recorrentes desta mañá estivo a idea xeralizada de que Cuntis funcionaría mellor se estivera gobernado polo PP, como a Xunta e a maioría dos municipios da comarca. Así mesmo, os veciños amosaron a súa preocupación pola situación do polígono industrial, que non acaba de arrancar.
Unha das protagonistas da xornada foi a pequena Valentina, que deixou a vergoña a un lado para regalarlle a Alfonso Rueda un debuxo que ela mesma fixo nun dos posavasos do autobús de ‘Galicia non para!’.
A imaxe do líder dos populares galegos hoxe sen dúbida era o mellor reflexo de que o PPdeG é un partido cos pés na terra, centrado no avance de Galicia e que ten como únicas prioridades as dos galegos e as galegas. Un partido que non perde o tempo en liortas internas e que cada día está máis preparado para acadar a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda.
ALFONSO RUEDA SEGUE EN RUTA
Tras os exitosos encontros que previamente mantivera coa veciñanza de Bandeira, Portomarín, Porto do Son e Bande, o presidente Rueda segue así afondando nos problemas reais dos galegos, as súas impresións, suxestións e inquedanzas.
Algo para o que tamén se puxo en marcha a páxina web rueda.gal; a través da cal todo aquel que o desexe poderá trasladarlle ao presidente Alfonso Rueda todo aquilo que lle preocupa, que vai ben e o que é posible mellorar.
Deste xeito, aquelas persoas que non poidan achegarse de xeito presencial aos lugares onde estea instalado o autobús de ‘Galicia non para!’, poderán facer chegar as súas suxestións a través da web (á que se pode acceder tamén a través dun código QR impreso nos posavasos que se reparten no autocar).
Ao longo dos vindeiros días e semanas, o autocar continuará a súa viaxe por diversos concellos das catro provincias galegas.