Nicole Grueira vén de ser proclamada candidata única a presidir Novas Xeracións de Galicia despois de facer entrega onte de máis de 350 avais, catro veces máis que os 90 requiridos como mínimo, de membros da organización das catro provincias.
A candidata oficial á presidencia da organización político-xuvenil do PPdeG, nacida en Pol hai 22 anos, entregou onte estes avais ante a Comisión Organizadora do Congreso que se celebrará o próximo 18 de novembro.
Tal e como establece o Regulamento do XI Congreso de Novas Xeracións de Galicia, unha vez formalizada a candidatura mediante a entrega de avais, a partir deste xoves 26 de outubro e ata o 2 de novembro terá lugar unha campaña interna para a recollida de apoios e a presentación do proxecto co que Grueira aspira a liderar a organización.
“Preséntome con ganas, ilusión e responsabilidade para continuar o traballo exemplar realizado por Adrián Pardo e o seu equipo ao longo destes anos cun obxectivo claro: continuar traballando pola mocidade galega, polos seus intereses e pola potenciación do seu papel na sociedade”, afirmou a candidata no momento de presentar a súa candidatura.