O autobús de ‘Galicia non para!’ continúa a súa ruta pola xeografía galega e hoxe chegou ao municipio de Sober, onde Alfonso Rueda proseguiu xunto aos seus veciños no seu obxectivo de afondar no sentir dos galegos e das galegas, e trasladarlles a “normalidade extraordinaria” da Comunidade.
No marco desta iniciativa que ten por obxectivo manter un contacto directo, a pé de rúa e sen intermediarios coa cidadanía, o presidente do PPdeG puido compartir impresións e recoller as necesidades da Ribeira Sacra da man dos numerosos veciños e curiosos que se achegaron ata o autobús.
Entre as moitas suxestións que lle fixeron, comentáronlle o seu “enfado” polo feito de que o Goberno central só estea a pensar en Cataluña, deixando abandonadas todas as comunicacións do sur de Lugo, como o tren entre Monforte e Ourense, que apenas mellorará coas actuacións que se están a executar.
De feito, unha das preocupacións segue a ser a mellora integral da estrada N-120, co fin de reducir os riscos de seguridade viaria e a súa falta de funcionalidade, así como a reactivación das obras de construción e posta en servizo da autovía A-76, entre Ponferrada e Ourense por Monforte.
Pola súa banda, o presidente Rueda, que vén de liderar a aprobación dos Orzamentos da Xunta —por décimo quinto ano consecutivo en tempo e forma—, sinalou que o seu desexo é que se fale de economía, emprego, familia, agro ou educación, e non de amnistías, referendos e independencias como quere importar aquí o PSOE e o independentismo do BNG.
SUXESTIÓNS EN RUEDA.GAL
Tras os exitosos encontros que previamente mantivera coa veciñanza de Bandeira, Portomarín, Porto do Son, Bande, Cuntis e Malpica, o presidente Rueda segue así incrementando o seu coñecemento sobre os problemas reais dos galegos, as súas impresións, suxestións e inquedanzas.
Algo para o que tamén se puxo en marcha a páxina web rueda.gal; a través da cal todo aquel que o desexe poderá trasladarlle ao presidente Alfonso Rueda todo aquilo que lle preocupa, que vai ben e o que é posible mellorar.
Deste xeito, aquelas persoas que non poidan achegarse de xeito presencial aos lugares onde estea instalado o autobús de ‘Galicia non para!’, poderán facer chegar as súas suxestións a través da web (á que se pode acceder tamén a través dun código QR impreso nos posavasos que se reparten no autocar).
Ao longo das vindeiras semanas, o autocar continuará a súa viaxe por diversos concellos das catro provincias galegas.