25 de outubro de 2023. O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que aclare o contido e alcance das negociacións que está a levar a cabo coas distintas forzas políticas para acadar a investidura de Pedro Sánchez e como estes pactos poden afectar ás diferentes Comunidades Autónomas, nomeadamente a Galicia. Así mesmo, esíxese ao Goberno central que en ningún caso estas negociacións deriven na asignación de menos recursos públicos ou competencias para Galicia que para outras comunidades autónomas.
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, manifestou que “agora que xa coñecemos ao candidato e a clase de socios cos que negocia, é hora de poñer o foco sobre o que se negocia e o moito que os galegos nos xogamos con esta negociación”. “Basicamente, o que Pedro Sánchez e a súa comisión conseguidora con selo galego están dispostos a facer con tal de manterse no poder”, apuntou.
INXUSTIZA PARA GALICIA
“Seguiremos reclamando a inxustiza que suporá para Galicia o pacto para a investidura de Pedro Sánchez e seguiremos dicindo alto e claro que o prezo da súa investidura non o podemos pagar os galegos”, manifestou a viceportavoz popular.
Paula Prado lembrou que “España vive sumida na incerteza dunha nova sesión de investidura que segue gardada no caixón da Presidenta do Congreso á espera de recibir ordes de Ferraz e cun novo candidato, Pedro Sánchez, inmerso nunhas negociacións para sumar apoios”.
Nesta situación, indicou que “quen máis claros son nas súas demandas son os independentistas cataláns, que desde o primeiro momento pediron abertamente un referendo de independencia en Cataluña e a amnistía para os delincuentes fugados, e todo ao módico prezo de 450.000 millóns de euros para perdoar a débeda de Cataluña”.
“Se xa están prohibidos os indultos xerais, que supoñen a eliminación da pena, un perdón maior como é a amnistía, que implicaría a eliminación da pena e do propio delito, está absolutamente prohibido”, dixo a viceportavoz popular. Así mesmo, sobre os 450.000 millóns de euros que piden os independentistas cataláns, Paula Prado asegurou que, “tomando como referencia os orzamentos da Xunta para 2024, permitirían financiar a totalidade dos servizos públicos de Galicia durante 34 anos”.
A viceportavoz popular sinalou que outro dos socios de goberno que Pedro Sánchez ten confirmado é Bildu, “un partido que nin condena o terrorismo, nin colabora a esclarecer os crimes aínda sen resolver e leva nas súas listas a condenados por delitos de sangue”. “Pedro Sánchez será o primeiro presidente da historia democrática de España que lexitima cunha foto a un partido político herdeiro de ETA e liderado por Arnaldo Otegui”, engadiu.
DESVERGOÑA DO BNG
Para rematar, Prado criticou “a desvergoña do BNG de vir aquí cunha emenda á nosa proposición non de lei na que piden que os representantes galegos nas Cortes Xerais defendan os intereses de Galicia por riba de partidismos nas negociacións para a investidura”. Neste sentido, afirmou que “os galegos saben perfectamente quen os representa en Madrid e quen non, porque cando se lles preguntou aos galegos quen querían que representase os seus intereses en Madrid, o resultado foi claro: 25 parlamentarios para o PPdeG e 1 único para o BNG”.
A continuación, referiuse ao pacto de investidura asinado por PSOE e BNG para a investidura de Pedro Sánchez en 2020, un “papel mollado porque o balance é todo incumprido”. “Os nacionalistas galegos son o único nacionalismo irrelevante para Pedro Sánchez e por iso, por moito que o apoien, seguirá sen concederlles nada: esta vez o BNG directamente optou por darlle un cheque en branco e apoiarano a cambio de nada”, incidiu Paula Prado.