A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, denunciou hoxe que a condonación da débeda de 15.000 millóns de euros a Cataluña a cambio de investir a Pedro Sánchez “vaille costar a cada galego 400 euros”, recriminando neste sentido a Ana Pontón e a José Ramón Gómez Besteiro que estean “vendendo Galicia a prezo de saldo só para que Sánchez siga na Moncloa”.
En declaracións aos medios na sede do partido en Santiago de Compostela, a número dous dos populares galegos reafirmou, ao igual que fixo onte o presidente Alfonso Rueda, que “a dignidade de Galicia non está en venda” e que a súa formación “seguirá defendendo a dignidade dos galegos” nun contexto no que “a gobernabilidade de España está negociándose como se se tratase dun bingo”.
Prado fixo balance dunha semana que describiu como “unha novela de terror democrático” que comezou coa ministra María Jesús Montero dicindo que o pago da débeda a Cataluña eran “inventos” do presidente Rueda “cando a realidade é que eses cartos para Cataluña a costa dos galegos e galegas xa estaban enriba da mesa”.
“Eses 15.000 millóns de euros vanlle costar a cada galego 400 euros”, afirmou ao tempo que explicaba que se trata dunha cantidade que excede os Orzamentos da Xunta para 2024. “Con eses cartos poderíase financiar o sistema público de saúde de Galicia durante tres anos, administrar vacinas e facer cribados a todos os galegos durante tres séculos, construír máis de 345.000 vivendas de protección pública e pagar o servizo de transporte escolar a case 10 millóns de estudantes”, engadiu.
Isto, sen embargo, sería “só o comezo dos 450.000 millóns de euros que están reclamando os independentistas cataláns xunto á amnistía, o referendo de independencia e o traspaso do servizo de Cercanías”. Un prezo que, asegurou, “os galegos non estamos dispostos a pagar nin consentir porque a dignidade de Galicia non está en venda”.
PONTÓN E BESTEIRO ESTÁN VENDENDO GALICIA A PREZO DE SALDO
Dirixíndose directamente aos partidos da oposición, Paula Prado recriminou tanto ao BNG como ao PSOE que “estean vendendo Galicia a prezo de saldo antepoñendo os intereses de Pedro Sánchez aos dos galegos e galegas”.
“Ana Pontón volverá ser enganada polo PSOE como foi durante estes cinco anos logo de facer presidente a Pero Sánchez a cambio de nada”, explicou insistindo en que nestes anos “nada bo trouxo para Galicia o Goberno de Sánchez”.
Así mesmo insistiu no feito de que José Ramón Gómez Besteiro forme parte da comisión negociadora da investidura: “O señor Besteiro é un dos negociadores que están vendendo Galicia e aprobando sen protestar que eses 15.000 millóns de euros a Cataluña os paguen os galegos e galegas a 400 euros por cabeza”.
“A señora Pontón e o señor Besteiro deixáronse comprar polo independentismo. Non nos sorprende no caso dos independentistas do BNG nin agora dun PSOE galego que lle pon a alfombra vermella ao señor Puigdemont e compañía”, concluíu Prado.