Os alcaldes e alcaldesas do PPdeG optarán hoxe por presentar unha lista propia na Asamblea Xeral da Fegamp que estará encabezada polo alcalde do Incio, Héctor Corujo, logo de que os socialistas galegos romperan a colaboración que se quería traducir nunha lista única.
Nunha reunión celebrada hoxe na sede autonómica do partido en Santiago de Compostela e á que asistiron a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial do PP da Coruña, Diego Calvo, e Natalia Prieto, membro do Comité Executivo da formación; o líder da candidatura dos populares galegos quixo agradecer aos seus compañeiros a confianza depositada nel para esta responsabilidade.
Corujo quixo poñer en valor o compromiso “incuestionable” da súa formación, co presidente Alfonso Rueda á cabeza, cos 313 concellos de Galicia. Un compromiso que se traduce nunha axuda e colaboración por parte do Goberno galego que resultan “indispensable”, tal e como apuntou, para que os concellos poidan prestar os servizos que a lei lles esixe.
Neste sentido pediu ao PSOE galego que apoie a reivindicación, encabezada polo presidente Alfonso Rueda, de que o Goberno central asuma a reforma do sistema de financiación local. “A lei que regula este sistema data dos anos 80 e desde entón as condicións dos concellos variaron enormemente en termos económicos e poboacionais”, explicou.
O alcalde do Incio pide así aos socialistas que se poñan do lado dos concellos e que apoien ao PPdeG “nunha reclamación que busca que as entidades locais poidan ser capaces de cumprir coas súas obrigas á hora de prestar servizos aos seus veciños”.
“O PSOE GALEGO QUERE POLITIZAR AS INSTITUCIÓNS”
Desde o PPdeG critican que “o PSOE galego, á imaxe e semellanza de Pedro Sánchez en Madrid, quere politizar as institucións, facendo un uso partidista con absoluto descaro”. E poñen como exemplo deste “partidismo” e “descaro” o feito de que esta semana, antes incluso da asamblea de hoxe, os socialistas mantiveran unha reunión co seu candidato á Xunta dentro das instalacións da Fegamp.
“Se ese é o modelo de municipalismo que quere o PSOE, asaltando as institucións, que non conten coa nosa colaboración”, remarcan os populares ao tempo que defenden o seu modelo. Un modelo “claro” e baseado en “reivindicar o interese dos 313 concellos de Galicia e non o interese duns poucos que só buscan aferrarse a un sillón”.
Pese a todo, os alcaldes e alcaldesas do PPdeG tenden a man ao presidente da Fegamp “para volver unir o municipalismo”.