Os orzamentos da Xunta de Galicia para 2024 continuarán a súa tramitación parlamentaria logo de que o Pleno rexeitara esta mañá as emendas á totalidade presentadas por BNG e PSdeG. “Seguiremos traballando por unha Galicia próspera, puxante e dona do seu futuro; unha terra que non acepta que lle neguen o que a outros lle regalan e que non acepta sentarse na mesa dos cativos a comer o que se decide na mesa dos maiores”, manifestou o portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos.
“Galicia non acepta menús análogos e esixe sentarse na mesma mesa que os demais e escoller da mesma carta que os demais”, incidiu o portavoz popular, quen asegurou que “cremos nunha Galicia Premium e non imos aceptar que nos colen unha de garrafón como queren BNG e PSdeG”.
INGRESOS INFLADOS ARTIFICIALMENTE
Alberto Pazos criticou que os grupos da oposición “queren enganar aos galegos cando inflan artificialmente os ingresos da Comunidade galega e nin sequera son quen de coordinarse para facer crible o seu engano”. Neste sentido, cuestionou “como é posible que a mesma modificación do imposto de sucesións coa que o BNG recadaba o pasado ano 20 millóns de euros, este ano pase a recadar 53 millóns; ou como unha mesma modificación do imposto de patrimonio para os socialistas supoña 28 millóns en 2022, 60 millóns en 2023 e 77 millóns este ano”.
“Mellora a sanidade pública eliminar o gasto postal para o envío das comunicacións dos cribados de mama, de colon ou de cérvix?, ou reducindo en 65 millóns de euros a compra de material sanitario?; ou mellora a loita contra a pobreza reducir en 46 millóns de euros a partida da RISGA? ou reducindo en 13,8 millóns a partida de loita contra a pobreza?; ou van mellorar a atención á mocidade baixando un 30,5 por cento o orzamento de xuventude?, ou conseguir ampliar a tarxeta Xente Nova ata os 30 anos recortando en 10 millóns a partida de transporte metropolitano?”, preguntou.
O portavoz popular salientou que “Galicia foi quen de situarse entre as comunidades autónomas capaces de minimizar o impacto da terrible pandemia que padecemos e que antes recuperaron os niveis de riqueza previos a esa pandemia”. “O esforzo colectivo de todos os galegos e o compromiso do conxunto deste gran país chamado Galicia permitiunos alcanzar un fito histórico: nos últimos 15 anos, Galicia creceu o dobre que o conxunto de España, en concreto, un 12 por cento fronte ao 5,7 por cento da media estatal; ao tempo que acadou o maior nivel de converxencia coa riqueza nacional, o 92,9 por cento”, apuntou.
ESCEPTICISMO TRADICIONAL
“Non existe alternativa” ao Goberno do PPdeG, asegurou Alberto Pazos, quen fixo referencia a tres cuestións sobre as que habitualmente nacionalistas e socialistas rexeitan estes orzamentos. En primeiro lugar, lamentou o “tradicional escepticismo” de BNG e PSdeG sobre as previsións económicas realizadas polo Goberno galego. Así, lembrou que os nacionalistas “falaban o pasado ano de que Galicia está moi cerca da recesión, co menor crecemento de todas as comunidades autónomas, cando a realidade é que o PIB incrementouse este ano arredor do 1,8 por cento, unha décima superior ao previsto polo Goberno galego inicialmente”.
“Tamén vaticinaban que Galicia perdería emprego, concretamente un 0,3 por cento, cando a realidade é que a Comunidade galega acadou este ano unha taxa de desemprego por baixo do 10 por cento”, engadiu.
En segundo lugar, Alberto Pazos citou a débeda de Galicia e lamentou que “os socialistas tentan convencernos de que a comunidade autónoma que menos incrementou a súa débeda, que mellor estrutura da mesma presenta e que menos xuros ten que pagar en relación ao total do orzamento, merece unha crítica despiadada”. “Parece ser que o seu referente en materia de débeda é a comunidade máis endebedada de España, á que vostedes acaban de premiar cun trato privilexiado a cambio de sete votos, coa complicidade do BNG”, dixo.
Por último, o portavoz popular apuntou que “a terceira das súas escusas para non apoiar os orzamentos é que pertencen a un goberno que pensa en beneficiar aos ricos”. “É moi importante crear riqueza, pero, sen dúbida, resulta capital coñecer como se reparte esa riqueza entre a poboación, polo que Galicia leva 15 anos consecutivos con taxas de pobreza inferiores á media de España”, afirmou.
“Non só somos os que máis crecemos, senón que tamén o facemos de forma máis xusta, distribuíndo a riqueza entre a inmensa maioría da sociedade galega”, rematou.