O PPdeG reuniu hoxe en Lugo ao seu Comité de Cidades para reivindicar a importancia das infraestruturas como “sinónimo de progreso e de calidade vida, así como de vertebración territorial e cohesión social” e denunciar os agravios de Pedro Sánchez ao longo dos últimos cinco anos. “Os galegos non queren máis anuncios e propaganda de factoría Moncloa, porque o que Galicia merece e necesita é un carrusel de feitos logo de cinco anos escuros en materia de infraestruturas”.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, criticou neste sentido que o Goberno de España “está sumido na propaganda e completamente afastado da xente” e afeou a Pedro Sánchez que hoxe veña a Galicia “coa hucha” para “recadar dos galegos os 400 euros que custa por persoa a chuvia de millóns que irán ao independentismo catalán a costa dos investimentos que a nosa Comunidade leva anos esperando”.
“Sánchez vén a Galicia sen nada para os galegos, só para facer promesas que non vai cumprir e bendicir o cuatripartito que conforman PSOE, BNG, Sumar e Podemos”, engadiu a número dous dos populares galegos ao tempo que reprochaba aos alcaldes e alcaldesas socialistas de Lugo, A Coruña e Vigo que sexan “incapaces de arrincarlle un só compromiso” ao seu xefe de filas e, sen embargo, “quedan mudos e aplauden” ante os incumprimentos do Goberno central.
Fronte a un PSOE disposto a poñerse ao servizo dos intereses de Pedro Sánchez aínda que iso supoña ir en contra dos intereses de Galicia, Prado reivindicou a estabilidade e xestión do Goberno de Alfonso Rueda e remarcou o compromiso do seu partido á hora de continuar demandando todo o que Galicia merece.
Algo que exemplificou coa aprobación a próxima semana dos Orzamentos de 2024, co que Galicia se converterá na primeira comunidade autónoma en aprobar as súas contas para o vindeiro ano.
ETHEL VÁZQUEZ: “EN 2024 AS AUTOESTRADAS AUTONÓMICAS SERÁN DAS MÁIS BARATAS DE ESPAÑA”
A responsable de Infraestruturas do Goberno galego, nesta mesma liña, asegurou que “é difícil que as infraestruturas estatais en Galicia poidan ir a peor logo destes cinco anos que supuxeron a etapa máis escura do Ministerio de Transportes”.
Unha idea que explicou recordando o colapso dos viadutos da A-6, as autovías que seguen pendentes (A Mariña, Lugo-Ourense e Vigo-O Porriño), o incumprimento dos prazos de chegada dos trens Avril, a falta de investimentos e dun Plan Director no Corredor Atlántico, o mal estado do firme nas estradas estatais, a falta de prazas e frecuencias nos servizos ferroviarios ou o estancamento da Saída Sur de Vigo.
“As perspectivas co novo ministro non son máis alentadoras cando as súas primeiras manifestacións consistiron en dicir que a chegada do AVE a Vigo é unha carta aos Reis Magos. Apunta unhas maneiras que xa sabemos cales son: buscar a confrontación en vez de solucións e botar a culpa constantemente ao PP de asuntos que dependen única e exclusivamente do Goberno de España”, afirmou.
Ethel Vázquez recomendou ao Executivo estatal que seguise o exemplo do que fai o Goberno galego, por exemplo, no que se refire á conxelación por segundo ano consecutivo das peaxes das autoestradas de competencia autonómica: “En 2024 as autoestradas que dependen da Xunta serán das máis baratas de España mentres que a AP-9 e a AP-53, de competencia estatal, son das máis caras do país”.
Nesta liña aproveitou ademais para poñer en valor o traballo do seu departamento nas sete cidades galegas, tanto en materia de equipamentos sanitarios como de execución de sendas peonís e ciclistas, así como a creación de aparcamentos disuasorios e a aposta pola intermodalidade nas estacións de tren e de autobús.
REY VARELA: “QUEDAR EXCLUÍDOS DA ALTA VELOCIDADE SIGNIFICA QUEDAR EXCLUÍDOS DO FUTURO”
Na reunión de Comité de Cidades participaron representantes das sete cidades galegas, que deron voz á maioría da poboación da Comunidade e debateron de xeito conxunto as súas reflexións e propostas para resolver os problemas da cidadanía de Vigo, A Coruña, Ourense, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra e Ferrol.
Precisamente foi o alcalde desta última cidade – e tamén presidente do Comité – o que falou en nome de todos eles para explicar o reto de futuro que supón a chegada da Alta Velocidade a todas as cidades galegas. Asegurando neste sentido que “quedar excluídos da Alta Velocidade supón quedar excluídos do futuro”.
José Manuel Rey lamentou que, aparte do atraso que acumula a chegada dos trens Avril, a día de hoxe Ferrol e Lugo son as dúas únicas cidades que permanecen excluídas da planificación da Alta Velocidade en Galicia: “As dúas cidades do norte de Galicia non poder quedar sen esta conexión porque iso suporía perder o tren do futuro e do progreso”.
Algo ao que, no caso concreto de Lugo e tal e como indicou a portavoz local do PP, Elena Candia, habería que engadir o feito de ser “a cidade peor comunicada de Galicia”. Poñendo como exemplo o “sobreesforzo” que supón desprazarse a Lugo desde Santiago de Compostela a causa dos atrasos que acumula a A-54.