A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, subliñou hoxe que “a Galicia real” que está con Alfonso Rueda viuse reflectida onte no discurso de Felipe VI. “Esa Galicia real que é leal a Constitución; que cre na fortaleza do modelo autonómico, en España e na Unión Europea; e que representan á perfección o noso presidente e o PPdeG”, sinalou.
Segundo a número dous dos populares galegos, o Rei Felipe VI conseguiu representar co seu discurso á gran maioría dos galegos e das galegas, os que comparten os valores de unidade, concordia e respecto: “Volveu deixar claro que non hai ninguén por riba da Constitución nin das súas institucións”.
“Como expresou Alfonso Rueda, as palabras da Súa Maxestade son unha chamada a superar a división e a defender o marco constitucional que levou a unha democracia plena. Unha mensaxe á altura das circunstancias que estamos vivindo”, salientou.
Neste sentido, Prado abondou en que “nestes tempos de partidos que chaman a queimar a Constitución e promocionan o independentismo radical, e doutros que alimentan a desigualdade entre territorios, é momento de reivindicar todo o exposto onte polo Rei”.
A secretaria xeral agarda que o multipartito da oposición tomara nota das palabras de Felipe VI, porque “mellor nos iría aos galegos se todos os partidos que o conforman se fiaran máis de Felipe VI e deixaran de fiarse de Sánchez e Puigdemont”.
“É curioso que PSOE, BNG, Sumar e Podemos estean enemistados en todo aquí en Galicia menos en liquidar a igualdade entre os españois”, lamentou.
Por último, en clave electoral, Prado dixo que o 18 de febreiro “será o momento de demostrar que a Galicia real é a que está ao carón de Alfonso Rueda e do Partido Popular, e de demostrar que esa Galicia real é a que non quere parar”.
“Felipe VI demostrou que é o Rei que os galegos e galegas merecemos e necesitamos. E, por iso, é unha honra cada vez que visita a nosa terra e que entenda tan ben aos galegos e galegas”, rematou.