A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, afirma que a decisión do Goberno central de non dotar a Galicia de ningún xulgado específico de violencia de xénero nas cidades galegas demostra que “o PSOE, o BNG e Sumar nin están coas mulleres, nin loitan pola igualdade”, senón que “só loitan por protexer aos seus partidos mentres desprotexen ás vítimas”.
Onte mesmo o Goberno central anunciaba 70 novos xulgados, pero ningún de violencia de xénero na Comunidade. A pesar de que, tal e como recorda a número dous do populares galegos, o pasado mes de novembro o PSOE e o BNG, apoiados por Sumar, asinaron a creación de cinco novos xulgados extraordinarios de violencia de xénero en Lugo, Ourense, Santiago, Pontevedra e Ferrol. E especificaron tamén que os de Santiago de Compostela, Lugo e Ourense serían efectivos no 2024.
“Como era de esperar, non tardou en chegar a primeira mentira do pacto de investidura que asinaron PSOE e BNG co único obxectivo de manter a Pedro Sánchez no poder. E, lamentablemente, é unha medida de igualdade e loita contra a violencia de xénero”, sinala Paula Prado.
A secretaria xeral do PPdeG sostén que, con esta negativa, o PSOE “non só se ri na cara do BNG, senón na de todas as galegas e galegos e, sobre todo, rise na cara de todas as vítimas de violencia de xénero que saben da necesidade destas cinco novas unidades xudiciais”.
“Galicia nin está nin se lle espera nos plans do Goberno de Sánchez apoiado polo multipartito galego”, engade ao tempo que incide en que “todo o que dixeron PSOE e BNG, apoiados tamén por Sumar, sobre os xulgados de violencia de xénero en Galicia era mentira, mera propaganda electoral”.
“A ESQUERDA TÓMALLE O PELO ÁS VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO”
Paula Prado recorda ademais que o PSOE, BNG e Sumar xa lle “tomaron o pelo ás vítimas de violencia de xénero” apoiando a Lei do ‘só si é si’ e defendendo que se trataba dunha boa lei cando a día de hoxe xa rebaixou a pena a máis de 1.200 agresores sexuais e permitiu que 126 saíran do cárcere.
“Agora volven tomarlle o melo ás vítimas de violencia de xénero, e a todas as mulleres, con esta negativa a que Galicia teña cinco xulgados”, asegura a número dous dos populares galegos pedindo ao Goberno de Sánchez que non se escude nos orzamentos. “A violencia de xénero non entende nin de presupostos nin de burocracia”, conclúe.