Hoxe, nun acto con galegos retornados en Vigo no que tamén participaron a candidata número 2 pola provincia de Pontevedra, Patricia García, e o responsable do PP exterior e tamén candidato pola provincia de Ourense, Antonio Rodríguez Miranda
Alfonso Rueda aposta polo retorno dos galegos na diáspora ofrecendo novas axudas para os estudos universitarios e sanidade pública gratuíta
- “Hai que seguir ampliando dereitos a quen ten todo o dereito”, asegura o presidente ao tempo que remarca a “débeda” que a Galicia de hoxe ten con todos aqueles que no seu día tiveron que emigrar e “contribuíron a converternos nunha terra de oportunidades e de acollida”
- Galicia rexistrou en 2022 un saldo migratorio positivo de 27.251 persoas máis que volveron respecto ás que se foron: “Son cada vez máis os que queren volver e quedarse porque aquí se vive moi ben”
8 de febreiro de 2024. O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou hoxe que quere dar un paso máis á hora de ofrecer facilidades ao retorno dos galegos na diáspora e por iso se compromete a poñer en marcha unha axuda para estudar un grao nas universidades galegas e tamén a que todos os retornados, veñan do país que veñan, poidan desfrutar da sanidade pública galega de xeito totalmente gratuíto.
Nun acto celebrado en Vigo, o líder dos populares galegos recordou que a día de hoxe xa se ofrece unha axuda para a realización dunha FP ou un máster, pero agora tamén se poderá cursar un grao “con axuda para a viaxe, a matrícula e a manutención”. Unha axuda que os seus beneficiarios verían complementada ademais coa gratuidade das primeiras matrículas universitarias que o PPdeG propón implantar no sistema educativo galego.
“Hai que seguir ampliando dereitos a quen ten todo o dereito”, remarcou Rueda ao tempo que recoñecía ser consciente das dificultades que, en función do país de procedencia, moitos galegos retornados se atopan á hora de acceder a prestacións sanitarias na nosa Comunidade. De aí o seu compromiso de que todos eles, “veñan do país que veñan”, terán sanidade totalmente gratuíta en Galicia.
O presidente asegurou que “os galegos retornados teñen moito que dicir no futuro de Galicia” e que a nosa historia non podería entenderse sen a diáspora. De feito, apuntou á “débeda” que a Galicia de hoxe ten con todos aqueles que no seu día tiveron que emigrar e “contribuíron a converternos nunha terra de oportunidades e de acollida”.
“A Galicia continental e a do exterior son a mesma porque non hai quen poña límites aos galegos”, engadiu ao tempo que explicaba que a mellor forma de manter esa “unión indisoluble” é facer todo o posible para que quen queira volver á que é a súa casa poida facelo nas mellores condiciones posibles. “Non só porque sexa un dereito, senón tamén por unha cuestión de xustiza e incluso de necesidade”, apuntou.
Os bos resultados desta política aberta cara os galegos do exterior pódese constatar co feito de que Galicia rexistrou en 2022 un saldo migratorio positivo de 27.251 persoas máis que volveron –desde o estranxeiro ou desde outras comunidades autónomas– que das que abandonaron a nosa Comunidade.
Unha cifra que Rueda cualifica de “récord e histórica” e que demostra que “son cada vez máis os que queren volver e quedarse en Galicia porque aquí se vive moi ben”. Por iso concluíu a súa intervención dando as grazas a todos eles por apostar pola nosa Comunidade e ofrecéndose a corresponder esa aposta: “Necesitámosvos para que Galicia siga funcionando”.