O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non foi apoiada polo Grupo Socialista, a través da que se solicita á Xunta que siga estendendo a Rede de unidades de atención temperá para que chegue a máis concellos, co fin de seguir incrementando a presencia territorial das unidades, de evitar gastos e desprazamentos ás familias, e de reducir a lista de agarda.
A deputada popular Raquel Arias explicou que a atención temperá é o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, e tamén ás súas familias e á súa contorna, para dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.
“Non ano 2009, cando o PPdeG chegou ao Goberno da Xunta, en Galicia só existían dúas unidades de atención temperá, que daban cobertura a 15 vilas galegas e 160 nenos”, lembrou a deputada popular, quen apuntou que “hoxe son 46 as unidades espalladas por toda a Comunidade galega, que dan servizo a 200 concellos e atenden a máis de 4.000 nenos”. “Todos os concellos que solicitaron a creación dunha unidade de atención temperá obtiveron a axuda da Xunta, que aporta a totalidade do custo das horas do servizo”, destacou.
ATENDER A TOTALIDADE E PRETO DE ONDE VIVEN
Porén, Raquel Arias afirmou que “mentres non estean atendidos o cento por cento dos nenos con necesidades específicas e o estean, ademais, preto de onde viven, non nos conformaremos”.
A Xunta de Galicia dedica este ano máis de 8 millóns de euros a consolidar a Rede Galega de Atención Temperá, o que supón un 60 por cento máis que en 2023.“As familias galegas contan hoxe con máis facilidades que nunca para acceder aos servizos de atención temperá e facelo preto das súas casas, o que ademais fomenta a igualdade entre todos os galegos, independentemente de onde veñan”, dixo Raquel Arias.
Para rematar, a deputada popular subliñou que “mentres en Galicia Alfonso Rueda cumpre os seus compromisos, o Goberno de Pedro Sánchez, co beneplácito do BNG, incumpre a lei e nega aos galegos o 50 por cento dos custos da Lei de dependencia, o que supón 2.500 millóns de euros cada ano”. “Son cartos dos dependentes galegos cos que se queda o Goberno central, mentres os socialistas e os nacionalistas galegos calan, pero que desde o PPdeG imos seguir demandando para continuar mellorando a vida dos galegos e galegas”, manifestou.