O Pleno do Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co voto favorable de BNG, PSdeG nin Democracia Ourensana, a través da que se demanda ao Goberno central a modificación do Real Decreto 637/2021, que regula as normas básicas de ordenación de granxas avícolas e obriga ao rexistro das pequenas explotacións de autoconsumo. “O Goberno de Pedro Sánchez non só non contestou ás alegacións que se fixeron desde Galicia a esta normativa, senón que unha vez máis impuxo aos galegos unha normativa inxusta, ineficaz e que non atende as especificidades do noso territorio”, manifestou o deputado popular Silvestre José Balseiros.
Na súa intervención, Balseiros explicou que as explotacións de autoconsumo “son aqueles currais familiares que crían aves para o propio consumo de carne e ovos, e non comercializan con ningún destes produtos”. En concreto, segundo a táboa de equivalencias, o número máximo de unidades de gando equivale a 30 galiñas poñedoras ou a 50 polos de engorde para carne, ou ben calquera outra combinación mixta que non supere a capacidade máxima por cada explotación ou curral.
A XUNTA FIXO OS DEBERES
“O feito de incluír estas pequenas explotacións de autoconsumo no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras ocasiónalle aos seus titulares, maioritariamente habitantes das aldeas do rural galego e, en moitos casos, persoas maiores, innecesarios trastornos e trámites que supoñen para eles unha maior carga burocrática”, lamentou o deputado popular.
Diante desta situación motivada pola decisión do Goberno central, Balseiros dixo que a Xunta “fixo os deberes desde o primeiro minuto e intentou facerlle ver ao Ministerio de Agricultura o grave erro de obrigar a estas pequenas explotacións de autoconsumo a rexistrarse e non solo pola complexidade no seu cumprimento, senón tamén pola ineficacia ou nulo resultado do seu cumprimento”.
Porén, o Ministerio fixo “caso omiso a esta demanda, polo que á Xunta non lle quedou outro remedio máis que presentar varias veces as correspondentes alegacións ao Real Decreto 637/2001, solicitando que as explotacións de autoconsumo deberían quedar fóra do ámbito de aplicación desta norma”. “De novo, o resultado foi o desprezo absoluto por parte do Goberno central, ou sexa, o habitual trato que se presta a Galicia desde o Goberno de Pedro Sánchez”, criticou o deputado popular.
Silvestre José Balseiros anotou que a resposta da Xunta foi “dar todas as facilidades ás persoas solicitantes para dar de alta no rexistro correspondente as súas explotacións de autoconsumo, facilitando a posibilidade de realizar todos os trámites a través da páxina web da Consellería do Medio Rural, a través da oficina virtual agraria e dando instrucións ao persoal das oficinas agrarias par que lle cumprimentasen a documentación aos que o solicitaran”.
Neste momento xa van rexistradas máis de 79.000 explotacións e, “se temos en conta as previsións do sector, seguramente esta cantidade se podería chegar a duplicar”, rematou Balseiros.