O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno central dote a Galicia dos trens Avril suficientes para prestar un servizo ferroviario de calidade e competitivo, e que proceda ao traspaso inmediato dos medios materiais e persoais necesarios para que a Comunidade galega poida xestionar as competencias sobre o litoral e, deste xeito, poder outorgar as correspondentes concesións.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que na vindeira sesión plenaria xurarán ou prometerán o seu cargo nove novos deputados do Grupo Popular: Paula Mouzo, de Camariñas; Encarna Amigo, de Cervantes; Nicole Grueira, de Pol; José Luís Ferro, de Celanova; Víctor Baladrón, de Verín; Cristina Campero, de Xinzo de Lima; Juan Manuel Casares, de Ourense; Miguel Fidalgo, de Vigo; e Felisa Rodríguez, de Mos.
TRENS AVRIL SUFICIENTES
Alberto Pazos manifestou que neste Pleno comezarán as comparecencias dos conselleiros para dar conta dos proxectos e obxectivos dos seus departamentos. En concreto, nesta ocasión comparecerá o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, para dar conta das liñas xerais de actuación do seu departamento.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, Pazos sinalou que “o Grupo Popular defenderá dúas iniciativas sobre cuestións que máxima actualidade e interese para a Comunidade galega”. “En primeiro lugar, e coa esperanza de que finalmente sexa realidade que a chegada dos trens Avril a Galicia se produza o vindeiro 21 de maio, imos insistir na necesidade de que se dote a Galicia do número suficiente de trens para garantir que o AVE chegue a todas as cidades galegas, acompañados dunha mellor oferta de frecuencias que garantan uns servizos de calidade e competitivos”, indicou.
Neste sentido, subliñou que “estamos fartos dos incontables enganos do Goberno de Pedro Sánchez a Galicia, xa que levamos escoitado moitas datas para a chegada dos trens Avril á rede ferroviaria galega, polo que esperamos que a do vindeiro 21 de maio sexa a definitiva, pero seguiremos insistindo en que Galicia conte co número de unidades suficientes para garantir un servizo de alta velocidade ferroviaria competitivo, capaz de estenderse a todo o territorio galego e con frecuencias suficientes para atender a demanda dos galegos”.
En segundo lugar, o Grupo Popular reiterará no Pleno a esixencia ao Goberno de Pedro Sánchez para que proceda ao traspaso inmediato dos medios materiais e persoais necesarios para xestionar as competencias en materia de costas, e para, deste xeito, estar en disposición de poder outorgar as concesións correspondentes.
TRASPASO DE MEDIOS PARA XESTIONAR O LITORAL
“Lamentablemente, tivemos que esperar á sentenza do Tribunal Constitucional para que o Goberno de Pedro Sánchez recoñecera que Galicia xa conta coas competencias en materia de costas, algo que sorprendentemente parece non entender os nacionalistas galegos, que seguen insistindo, e sería a terceira vez que o fan, desprezando o recollido no noso Estatuto de Autonomía, na necesidade de recorrer á tramitación dunha proposición de lei no Congreso para o traspaso dos medios materiais e persoais para a xestións das competencias en materia de costas”, sinalou Alberto Pazos.
Deste xeito, matizou que “agora falta que o Goberno de Pedro Sánchez axilice o traspaso dos medios materiais e persoal necesarios para a xestión do litoral, de xeito que a Xunta poida proceder a exercer plenamente as súas competencias e levar adiante todos os procedementos que se viron paralizados pola decisión da presentación do recurso ante a Lei galega aprobada neste Parlamento en xullo de 2023”.
Dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase, en primeiro lugar, pola recente viaxe que o Presidente da Xunta realizou a Arxentina, durante a que visitou diferentes empresas pesqueiras de capital galego alí afincadas e reafirmou o apoio do Goberno galego ao sector mar-industria, como un dos motores da economía galega e arxentina.
En segundo lugar, preguntará sobre o calendario previsto pola Xunta para implantación da gratuidade das primeiras matrículas de grao na universidade pública galega, unha iniciativa anunciada polo Presidente Rueda durante a pasada campaña electoral e que, segundo o anunciado, será realidade co inicio do vindeiro curso 2024-2025; para terminar coa solicitude dunha valoración do Goberno galego respecto das peaxes que se están a aplicar nas autoestradas AP-9 e AP-53, que, despois dos anuncios de gratuidade realizados polos socialistas na pasada campaña ás eleccións galegas, volveron liderar este ano o incremento tarifario de todo o Estado, cunha suba do 6,55 por cento para a AP-9 e un 5,07 por cento para a AP-53.