A deputada do Grupo Popular Carmen Pomar afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) “precisa adaptar a súa lei á realidade dixital, con grandes cambios tecnolóxicos e de normativa nos últimos anos, cunha nova lei de comunicación audiovisual, unha directiva europea de servizos audiovisuais e unha lei europea de liberdade dos medios de comunicación”.
Carmen Pomar manifestou que “son moitos os retos nun mercado tan complexo como é o do audiovisual para manter a competitividade e ofrecer o mellor servizo público, dando resposta ás demandas da cidadanía, que ten mudado de hábitos e de xeitos de consumo audiovisual”.
RESPECTO AOS TRABALLADORES
Porén, lamentou que para BNG e PSdeG “nada disto é importante, non lles preocupa o futuro dos medios públicos galegos e só intentan desacreditalos e danar a súa imaxe”. “Non teñen, nin antes nin agora, o máis mínimo respecto polos traballadores da CRTVG, aos que consideran xornalistas que se deixan manipular, tratan de vetar a moderadores en debates, atácanos en redes sociais e aproveitan calquera plataforma ou institución para cuestionar a súa credibilidade”, indicou.
Carmen Pomar criticou “o novo episodio vivido hoxe no Pleno do Parlamento galego da campaña de deslexitimación da CRTVG por parte do BNG, unha campaña coa que tenta coaccionar e interferir nun medio de comunicación poñendo en marcha a súa factoría de bulos e desinformación”. Neste sentido, asegurou que “non existe unha soa sentenza, resolución ou ditame que respalde as súas acusacións de suposta manipulación, e os tribunais deron a razón á CRTVG nas demandas presentadas por varios traballadores que sostiñan que o seu traslado respondían a represalias”.
Así mesmo, acusou aos socialistas galegos de “querer converter a CRTVG unha CRTVE que é capaz de poñer o seu prime time ao servizo de Pedro Sánchez ao rematar os seus cinco días de autoreflexión”. “A súa aspiración é colocar á fronte da CRTVG a un socialista con carné, con fixeron na CRTVE, e colonizar así unha institución máis situando a algún amigo, como na Axencia EFE, no CIS, o Consello de Estado, a Fiscalía ou en tantos outros organismos”, engadiu.