O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Goberno de España o traspaso inmediato dos medios materiais e persoais para xestionar a costa e, deste xeito, estar en disposición de poder outorgar as concesións correspondentes. O portavoz popular, Alberto Pazos, fixo un chamamento “á reflexión a todos aqueles que antepuxeron os seus intereses electorais á defensa do interese xeral de Galicia, cuestionando incluso o recollido no Estatuto de Autonomía”.
“Galicia, logo da sentenza do Tribunal Constitucional do pasado 23 de abril, xa é dona do futuro do seu litoral, polo que chegou o momento de aceptar que son as institucións galegas as que deben asumir a ordenación do noso litoral e polo tanto corresponde traspasar ao Goberno galego os instrumentos necesarios para poder exercer esa competencia de forma efectiva”, manifestou Alberto Pazos.
Na súa intervención, indicou que este traspaso de medios humanos e materiais “debería producirse sen necesidade de aumentar a discriminación que xa tivemos que sufrir os galegos”, porque, segundo lembrou, “basta comprobar o distinto tratamento que recibimos galegos e vascos nesta materia tendo redaccións de estatuto idénticas”.
CALENDARIO DE ACTUACIÓN
Alberto Pazos lembrou que o Goberno de Alfonso Rueda acordou no Consello da Xunta celebrado onte un calendario de actuación a través do que se solicita oficialmente o traspaso efectivo das competencias sobre o litoral a través da convocatoria da Comisión Mixta de transferencias, o impulso da Comisión interdepartamental de coordinación dos organismos autonómicos implicados, a posta en marcha do Foro do Litoral e realización de actuacións estratéxicas vinculadas a usos costeiros que xeren valor e cohesión.
“O Partido Popular de Galicia alcanzou nas últimas eleccións autonómicas un pacto cos galegos para seguir impulsando esa Galicia que non para e que inclúe converternos na primeira comunidade autónoma de España que regula mediante lei o seu litoral”, subliñou o portavoz popular, quen incidiu que “non queremos ser máis que ninguén, nin aceptamos sen menos que ninguén”.
Para rematar, Pazos amosou a súa sorpresa porque o BNG “insista nunha proposta que xa cualificamos en dúas ocasións de inxusta, innecesaria e ilegal, porque propoñen a realización dun trámite no Congreso que non necesitaron outras comunidades autónomas, xa que bastaría cun Real-Decreto para facer a transferencia; e aluden ao artigo 150.2 da Constitución, que non pode utilizarse para o traspaso de medios para o exercicio dunha competencia autonómica”.