O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento a facer forza desde o partido de cara á próximas eleccións europeas para reclamar os fondos Next Generation e as infraestruturas que Vigo, como primeira cidade de Galicia e motor económico da nosa Comunidade, merece e necesita.
Nun encontro con militantes e simpatizantes celebrado hoxe na cidade olívica e no que estivo acompañado pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e a líder local do partido, Ana Ortiz; o líder dos populares galegos incidiu no moito que Vigo se xoga nos comicios do próximo 9 de xuño.
Neste sentido, adiantou que entre as propostas do Partido Popular en clave europea está a de reformar o deseño e a xestión dos fondos Next Generation co fin de eliminar os criterios partidistas na súa adxudicación, acelerar a súa distribución e facilitar o acceso para pemes e autónomos.
A conexión de Galicia co norte de Portugal tamén é unha das prioridades dos populares e por iso se comprometen a seguir reclamando desde o Parlamento Europeo que o Goberno de España impulse canto antes a Saída Sur de Vigo. Unha infraestrutura vital para a cidade e que, a día de hoxe, aínda segue en estudo de alternativas e sen planificación orzamentaria para a súa execución.