O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que, cumprindo o seu propio calendario, publique de inmediato toda a normativa regulación da formación profesional que aínda está pendente e habilite unha partida específica para financiar o seu desenvolvemento, elaborando unha memoria económica da implantación da nova lei estatal de FP.
A deputada popular Patricia García lamentou que “a reforma da lei estatal de formación profesional é un exemplo máis de improvisación do Goberno de Pedro Sánchez no eido educativo, un xeito de proceder que só se entende dentro da vontade desenfreada por reformar todas as leis educativas, que está provocando problemas e tensións dentro do sistema”.
DOCUMENTOS QUE CHEGAN TARDE E SEN DIÁLOGO
“O Ministerio ten en vilo a un amplo número de persoas e centros que conforman en Galicia o gran sistema da FP, chegando a xerar unha situación que resulta cada vez máis intolerable”, indicou Patricia García. Neste sentido, criticou que a tres meses do inicio do próximo curso, e máis de nove meses despois da data que o propio Ministerio de Educación se marcou como límite, o Consello de Ministros vén de aprobar a normativa reguladora da FP, “uns documentos que chegan tarde e sen ningún tipo de diálogo coas comunidades autónomas”.
Ademais, a deputada popular apuntou que a normativa reguladora da FP para o vindeiro curso continúa estando incompleta, porque o Ministerio segue sen publicar a modificación do Real Decreto 659/2023 polo que se desenvolve a ordenación do Sistema de formación profesional para mudar seus erros e contradicións. Trátase dun texto imprescindible para que Galicia, e o resto de comunidades autónomas, poidan tramitar os seus propios decretos e informar deles aos centros, alumnos e profesores para aplicalos o vindeiro curso.
Diante desta situación, Patricia García considerou “intolerable que o modelo de éxito da formación profesional en Galicia se poña en risco pola improvisación do Goberno central”, polo que dixo que “é fundamental que o Goberno de Pedro Sánchez cumpra de inmediato coa súa obriga e publique canto antes os novos currículos e os decretos correspondentes para evitar máis demoras e falta de concreción”.
MEMORIA ECONÓMICA
A deputada popular reclamou que estes reais decretos “veñan acompañados dunha memoria económica coa que o Ministerio de Educación financie o incremento dos custos que a nova lei de FP terá para as comunidades autónomas”.
“Seguiremos avanzando na consolidación do éxito do sistema de FP galega, cunha oferta que responda aos intereses da sociedade e dos tecidos produtivos, mantendo o compromiso e a confianza das empresas, potenciando a rede de centros integrados e impulsando unha FP dual que é un referente para toda España, á espera de que o Ministerio publique a totalidade da normativa”, rematou Patricia García.