O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non apoiaron nin BNG nin PSdeG, a través da que se insta á Xunta de Galicia a aprobar neste ano 2024 un plan de cirurxía menor en atención primaria, que desenvolva a necesaria formación ao persoal sanitario e fixe protocolos estandarizados para que, xunto coa dotación de novo equipamento tecnolóxico, se potencie a resolución neste nivel asistencial de intervencións cirúrxicas sinxelas.
A deputada popular Encarna Amigo explicou que a cirurxía menor “inclúe unha serie de procedementos cirúrxicos sinxelos e xeralmente de curta duración, realizados sobre tecidos superficiais ou estruturas facilmente accesibles, baixo anestesia local, que teñen baixo risco e tras os que non son esperables complicacións poscirúrxicas significativas”.
MELLORA DA SANIDADE, SOBRE TODO NO RURAL
“Poder realizar estes procedementos en atención primaria é esencial para mellorar a accesibilidade, a eficiencia e a calidade do coidado da saúde, especialmente nas zonas do rural porque reducen a necesidade de desprazamentos aos hospitais”, manifestou a deputada popular. Así mesmo, apuntou que “axuda a desconxestionar a carga de traballo nos hospitais, permitindo que os recursos nestes centros se concentren nos casos complexos”.
A posta en marcha deste plan de cirurxía menor en atención primaria será consensuado entre os profesionais de atención primaria e hospitalaria, e virá acompañado da correspondente formación dos profesionais sanitarios, “o que fará que os médicos de familia estean máis motivados profesionalmente pola súa maior capacidade resolutiva, ao tempo que se reforza a súa relación cos pacientes e diversifican a súa práctica diaria”.
Encarna Amigo asegurou que este plan de cirurxía menor ambulatoria “representa unha oportunidade para mellorar a accesibilidade, eficiencia e calidade no coidado da saúde, sendo unha estratexia chave para seguir avanzando cara un sistema de saúde máis equitativo, máis homoxéneo e máis eficaz”.
“Todo isto estaría respaldado por unha capacitación adecuada dos profesionais, unha infraestrutura axeitada e protocolos estandarizados acordados entre profesionais de atención primaria e hospitalaria, baseados na evidencia científica actual e para todos os centros de saúde de Galicia”, rematou a deputada popular.