O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do BNG, a través da que se reitera a máxima condena á invasión rusa de Ucraína e se amosa o máis firme apoio ao seu pobo, así como esixir o cesamento inmediato desta agresión bélica, a retirada de todos os medios militares rusos sobre o terreo e o restablecemento das fronteiras e da integridade territorial deste país europeo.
Mentres non se dean estas condicións, a iniciativa parlamentaria avoga por apoiar as actuacións dos aliados da Unión Europea e da OTAN, para poñer fin ao conflito e restituír a orde internacional baseada no dereito e en regras que foron vulneradas unilateralmente por Rusia, á vez que cómpre intensificar os esforzos diplomáticos encamiñados a lograr o fin da agresión rusa. Por último, ínstase á Xunta a manifestar a súa disposición de colaborar nunha resposta humanitaria coordinada co Goberno de España, a quen se lle pide que incremente os esforzos de apoio a Ucraína en todos os ámbitos no marco da Unión Europea e dos acordos establecidos polo Consello Europeo e a OTAN.
O portavoz popular, Alberto Pazos, manifestou que “a salvaxe vulneración do dereito internacional por parte de Rusia merecía unha resposta contundente por parte dos organismos internacionais, e nomeadamente por parte da Unión Europea”. “Nesta ocasión, Europa respondeu con toda claridade, posicionándose sen matices do lado do agredido e condenando coa máxima contundencia ao agresor”, indicou.
“O Partido Popular respaldou plenamente o compromiso adquirido por España no seu apoio a Ucraína, aínda que nos tivera gustado que ese acordo fose explicado, debatido e respaldado no Congreso”, sinalou Alberto Pazos, quen lamentou que o Goberno de Pedro Sánchez “parece ter renunciado a que a política internacional sexa unha materia de consenso para convertela nun instrumento de confrontación”.
O portavoz popular considerou que “os motivos para eludir ese control parlamentario resultan evidentes: a vergoñenta actitude dalgúns dos socios de goberno de Pedro Sánchez, claramente posicionados do lado de Putin, ben sexa por coincidencias ideolóxicas ou ben por intereses espurios que os levan a evitar calquera crítica ao oligarca ruso”.
Así, criticou “a negativa do nacionalismo radical, neste caso representado no BNG, a respaldar calquera condena á invasión e empeñado en respaldar ao máis granado dos sátrapas internacionais”.