O Partido Popular de Galicia dá inicio á campaña das eleccións ao Parlamento Europeo erixíndose como “a mellor resposta a todo o que afecta a Galicia en Europa” a apelando ao moito que a Comunidade se xoga nestes comicios.
Na tradicional pegada de carteis celebrada esta noite en Pontevedra, a secretaria xeral do partido, Paula Prado, fixo un chamamento a acudir “masivamente” ás urnas o próximo 9 de xuño e pediu o voto para “impulsar un reparto xusto dos fondos europeos, defender a plenitude do Estado de Dereito fronte aqueles que queren corrompelo, loitar por unhas políticas xustas para o rural e dar voz á nosa pesca e á nosa agricultura facendo fronte ao ecoloxismo de pancarta”.
“Nestas dúas semanas estaremos preto da xente, na rúa, respondendo ás dúbidas dos galegos e galegas, aos seus problemas e aos seus retos de futuro”, explicou facendo unha contraposición entre o proxecto dos populares e un BNG que “elixiu compartir lista co independentismo” e un PSOE que “segue recollendo derrotas no Congreso froito das súas nefastas amizades”.
Acompañada polo presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, e o líder local do partido, Rafa Domínguez, a número dous dos populares galegos augurou un gran resultado: “Gañamos as municipais, gañamos as xerais, gañamos as autonómicas e imos gañar as europeas”.
O PP VOLVERÁ SER A OPCIÓN PREFERIDA POLOS GALEGOS
Na pegada de carteis tamén participaron os candidatos Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez. O primeiro deles, natural de Pontevedra, subliñou que Galicia xógase en Bruxelas aspectos cruciais para o seu benestar como garantir un futuro próspero para a cadea mar-industria, seguir apostando polo seu sector primario e axustar a PAC ás necesidades da agricultura e a gandería, atraer investimentos para sectores como o das comunicacións e a mobilidade ou a mellora das infraestruturas.
O político pontevedrés pediu unha alta participación o próximo 9 de xuño e espera que o Partido Popular volva ser a opción preferida polos galegos e españois nas urnas, como foi nas autonómicas deste ano e as xerais de xullo do ano pasado.
“É unha oportunidade para todos os galegos e todos os españois de responder ás políticas populistas e profundamente prexudiciais de Sánchez, así como de facer oír as súas voces en Europa”, concluíu Millán Mon.
UNHA OPORTUNIDADE PARA DEFINIR O FUTURO DE EUROPA E GALICIA
Pola súa banda, Adrián Vázquez manifestou o seu entusiasmo e o seu firme compromiso co proxecto europeo, resaltando a oportunidade que representa esta campaña para o futuro tanto de Galicia como de Europa.
«É un privilexio sumarme a esta contenda electoral, que vexo como decisiva para asegurar o benestar e desenvolvemento da nosa rexión e do continente», declarou con convicción e subliñando a necesidade de contar cunha representación sólida do Partido Popular no Parlamento Europeo para defender de maneira efectiva os intereses dos galegos e galegas.
Vázquez concluíu o seu discurso expresando a súa gratitude ao PPdeG polo seu apoio nesta campaña electoral e reafirmando as súas ganas de percorrer e reconectar cos cidadáns nas distintas localidades das catro provincias galegas nas próximas semanas.
LUIS LÓPEZ: “O PROGRESO DA NOSA PROVINCIA PASA POR EUROPA”
O presidente provincial do PP de Pontevedra Pontevedra, Luis López, deu comezo a súa intervención agradecendo ao PPdeG por elixir Pontevedra para comezar unha nova e tamén importante campaña electoral: “O progreso da nosa provincia e de toda Galicia pasa, si ou si, polo que se decide en Europa e iso é o que está en xogo o vindeiro 9 de xuño”.
Destacou a importancia da representación do Partido Popular en Europa, porque alí se deciden desde as axudas da PAC ata as novas liñas ferroviarias que unen Galicia con Portugal e coa Cornixa Atlántica, pasando tamén polos apoios que se xestionan para os concellos.
“Para axudar a seguir polo bo camiño no que vai a provincia contamos con dous grandes guías, os dous pontevedreses, que son os nosos candidatos. Contamos con Paco Millán, que ten a experiencia imprescindible para defender os nosos intereses en Bruxelas e con Adrián Vázquez, outro baluarte da política con maiúsculas que, con raíces no Deza, sabe ben o que precisa esta provincia”, rematou López.
“OS GALEGOS APOSTAMOS POLA SENDA DA RESPONSABILIDADE”
Rafa Domínguez reivindicou a importancia dos comicios electorais do 9 de xuño para “trasladar a Europa unha mensaxe clara de que os galegos e o resto de españois queremos camiñar pola senda da responsabilidade, fuxindo da bronca e a confrontación do Goberno central”.
Recordando a vitoria nas eleccións municipais e a contribución do partido local á primeira maioría absoluta do presidente Alfonso Rueda desde a súa cidade, asegurou que vencer nas europeas “coa mesma solvencia” sería “o broche de ouro perfecto a un ano político fantástico para a familia popular”.