O presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, fixo hoxe un chamamento á mobilización e a un voto masivo nas eleccións ao Parlamento Europeo asegurando que os galegos se senten orgullosamente europeos e que é moito o que Galicia se xoga en Bruxelas.
No mitin celebrado esta tarde en Ourense, reivindicou ao Partido Popular como a mellor opción para representar os intereses dos galegos en Europa, dado que é o único que se preocupa polos problemas reais da xente, ofrece solucións desde o sentidiño e defende a igualdade e o ben común. Un partido, engadiu, caracterizado pola súa moderación, o seu europeísmo e a súa capacidade para dar cabida a todos.
As opcións alternativas serían un socialismo que hai moito tempo que deixou de preocuparse dos problemas dos cidadáns para centrarse nos do independentismo e un nacionalismo que non só comparte lista co extremismo de Bildu, senón que se ademais se presenta ás eleccións pedindo menos Europa e menos España.
En clave nacional, Rueda ten claro que estas eleccións son tamén unha oportunidade única para que os galegos expresen nas urnas a súa fartura de liortas políticas e a súa demanda de solucións aos seus problemas.
Referiuse así ao que considera continuas cortinas de fume levantadas por Pedro Sánchez para que non se fale de que este xoves aprobará a Lei de Amnistía, que é incapaz de sacar adiante os seus outros proxectos lexislativos e que o seu Goberno está rodeado de sospeitas.
O presidente concluíu a súa intervención animando aos galegos a facer do seu voto unha resposta ante todo isto e a facelo pensando na nosa pesca, no noso rural, nas nosas familias e na nosa mocidade; así como tamén sendo conscientes de que Galicia é a resposta que demandan España e Europa.
LUIS MENOR: “O PP TEN UN PROXECTO DESDE EUROPA PARA OURENSE”
En clave local, o líder dos populares ourensáns, Luis Menor, pediu á militancia que faga un esforzo para contribuír desde Ourense a unha vitoria contundente nas eleccións europeas “como fixemos nas autonómicas cando un de cada dous ourensáns escolleu a papeleta do PP”.
Menor marcouse como reto superar amplamente o 36 % de apoio obtido na provincia nas europeas de 2019. Unha confianza que aspira a lograr “explicando á cidadanía que o Partido Popular de Ourense é un partido de goberno e que tamén sabe conectar con Europa”.
Sobre esta conexión coas políticas europeas referiuse á proposta do PP para un Pacto Europeo da Auga, lembrando que a Deputación de Ourense lidera un proxecto de dixitalización da auga, o proxecto “OU-Intelixente”, dotado con 7,75 millóns de euros procedentes dos fondos Next Generation e que cualificou como “o segundo mellor proxecto valorado de toda España e a mellor iniciativa de toda Galicia para aplicar tecnoloxías que faciliten unha xestión eficiente da auga no 90 % dos concellos da provincia”.
Toda un exemplo, engadiu, de Goberno comprometido cos intereses da provincia e os seus habitantes, “e que cos resultados aos que aspiramos nestas eleccións europeas permitiranos demostrar a todos os partidos da provincia, incluído o desgoberno da cidade, que o PP ten un proxecto desde Europa para Ourense”.